Se non te empeñas non medras

FacturasBelarmino da Covacha, está atrapado pola crise financeira. En paro, traballando ilegal na Suíza e sen capacidade para enfrontar os alegres créditos da banca que medraban sen xeito. Unha historia de emigración na patria dos banqueiros

21/10/2008

Estes días non se fala de outra cousa que non sexa o pánico que xera a caída dos casinos (eu chámolle así ao mercado de valores). ¡Arrenegado sexa o demo! Da xenio observar a imaxe deses axentes comerciais que berran coma descosidos mentres lles faltan orellas para pendurar celulares e ollos para ollar pantallas de computadoras made in Corea. Neses momentos deben de ter unhas remontadas de adrenalina peores das que fai un salto ao elástico no puenting.

Onte recibín no meu despacho (que ben queda iso de « despacho », da un poderío e unha distinción que non vexas) a Belarmino da Covacha de Guldrís que xa me estaba esperando na rúa, el e mais a súa dona, Sofía do Coxo.

Cando cheguei ao traballo, despois de escoitar a tertulia na radio sobre os 65 mil millóns que o estado ven de inxectar na Unión de Bancos Suízos: que se hai que recuperar a confianza, que se se ten que ponderar os mercados (isto non sei o que quere dicir pero o tertuliano que o dixo penso que tampouco, como din aquí é « poudre aux yeux »), que si é unha especie de nacionalización parcial pero non é ben tal porque dende que a situación se calme todo volverá ao seu sitio (o seu sitio chámanlle os especialistas ao espolio, o roubo e o chanchullo que reinou até o de agora), que se patatín e que se patatán… Os bos entendedores xa me entenden e os outros canto menos entendan menos sofren.

Como viña dicindo, cando vin ao Belarmino fiquei pasmado, estaba irrecoñecible, todo demacrado, coa ollada perdida non sei en que pensamentos avoltos, mal afeitado, coa vestimenta aínda mais descoidada que a miña, taciturno e apesarado. Mesmo parecía que viña de enterrar media familia.

Nesas circunstancias, non era modo de lembrarlle que tiña unha reunión e que pedira « rendez-vous » a miña secretaria, mandeino entrar e ofrecinlle un cafeciño, cando a Sofía me dixo:

– ¡Café non, polo amor de Deus! ¡Que o matas! Mesturado cos anti-depresores que está tomando, até se pon violento e non o atura nin a súa nai. Pero eu tómoche un con moito gosto.

Horiñas fóra de hora

En resumidas contas o Belarmino viña para que eu o axudara a resolver un « problemiña » porque o cacharon « facendo unhas horiñas » a el amais a Sofía, horiñas que non declararon na oficina de paro perante un « aniño » ao mesmo tempo que recibían o subsidio de desemprego.

Para poder argumentar tiven que inventar unha historia rocambolesca pero como eu son coñecido por inventar historias non me causa moito problema, o caso é que os inspectores traguen que iso xa é outra historia aleatoria (e tan aleatoria). Os argumentos que me daba o Belarmino non eran moi apropiados sen envolvelos en frases máis rebuscadas:

–Que carallo queren eses fillos de…, ¡non vou ir roubar para pagarlles! Unha desalmada do paro até me dixo que non tiña máis que vender a casa de Guldrís, ¿decátaste? ¡A min que non me busquen porque lles rompo os fociños!.

Que lonxe estaba ese Belarmino desesperado que eu tiña diante de aquel outro que vin fai un tempo no bar do Tordoia paseándose diante do mostrador, « bamboleando » con o seu vaso de viño a xeito de catador espelido, interrompendo toda intervención dos demais para berrar con apromo e convicción:

– Vos non entendedes un carallo, ¡vinte millóns hoxe non son nadiña! ¡Hai que adaptarse!. Os galegos non nos adaptamos aos desafíos que require a economía moderna e así nos vai…

O que si é necesario para entender e apreciar a situación actual da humanidade é escoitar os milleiros de historias individuais cos seus dramas e preocupacións, sen xulgar a persoa, só analizar os feitos. Iso non é posible pero podemos empezar por intentar comprender as historias que pasan a carón de nos.

Eu contaríavos en este momento a historia de Belarmino que, se non fose tan común, até podía ser interesante, home non é que che vaia dar o síndrome de Stendhal coa obra literaria que resulta, pero… ¡Ala! ¡vóuvola contar! e así matades o tempo. Se chegaches até aquí lendo é que vos vai a vara… e tedes tempo a perder.

A historia de Belarmino da Covacha de Guldrís

Belarmino da Covacha de Guldrís (como o seu nome indica) naceu aló polas primeirías dos « sixties » no lugar de Guldrís, en cas de Mansamino da Covacha. Guldrís fica tirando polo medio do monte torcendo a dereita. A economía na época era de subsistencia labrega.

¿A que non adiviñades a onde foi a parar Belarmino cando tiña idade de traballar? Pois foi para Donostia para construír o boom económico de Euskadi e traballou nas obras dun famoso convento.

¿E despois do servizo militar, para onde foi? ¿A que son fáciles as miñas preguntas? ¡Pois rematou en Suíza!, ¡que volo hai que dicir todo!

Encomezou na construción unha temporada con mentes de aforrar para casar con Sofía do Coxo de Boimente, coa que se falaban había catro anos e xa se lle empezaba a notar a barriga. Dende que o neno de Belarmino (amais da Sofía) se tiña de pé, deixárono cos avós e ela acompañouno para traballar na economía doméstica como clandestina (as mulleres con fillos non podían acompañar legalmente os maridos tempereiros, para protexer a unidade familiar. Non é unha trangallada miña, ¡non señor!, era así que a lei de estranxeiría suíza xustificaba a felonía).

As Caixas detrás do Belarmino

A parella, chea de ilusión e esperanza, púxose a traballar intensamente, instaláronse nas barracas da « Pont Rouge » e tiraban para diante facendo coma se o lombo non fora seu.

ubs-banque-crise-financiereDe contado, recibiron a visita do da Caixa que lles propuxo un creto « prioritario », ou sexa a un 15% no lugar de 20%, para construír a súa casa en Guldrís.

Non imos falar da « chaboliña » (como Belarmino acostumaba chamarlle) que se montaron, para facerse unha idea: o balado de canteiro no peche da leira custou máis de 4 millóns de pesetas…

Logo como descenderon os intereses nos anos 90, o crédito fíxose máis levadeiro e Belarmino decidiu mercar o solar que vendía Solina do Catuxo, lindante co seu. Como a Caixa se facía de rogar para prestarlle os cartos coa urxencia requirida para o pago, dirixiuse aos bancos locais que lle fixeron varias ofertas de reutos.

Na mesma casa onde moraba Belarmino, douse a circunstancia que tamén moraba o representante do banco portugués do Espírito Santo (que nome máis axeitado para un banco, sobre todo que os bancos crean diñeiro precisamente por obra do tal Espírito Santo) como todo bon representante, o do Espírito Santo estaba ao « loro » e cheiraba os « affaires » coma un zopenco, fíxolle tamén a sua proposta.

Nese momento eu levábame ben con Belarmino (despois deixou de frecuentarme porque disque eu lle miraba demasiado para as pernas de Sofía, de feito o que a el lle doía era o feito que Sofía metera a saia máis curta cando viña xantar a miña casa) e pediume para acompañalo na firma do contrato.

Porcentaxes estrañas

Lembro que lle preguntei ao banqueiro que me explicara un pouco como marchaba iso do crédito, os reutos, os gastos e comisións… e toda esa trangallada. O home, un pouco molesto porque lle facía perder o seu tempo, aló tratou de facerme comprender unha parodia máis ben confusa que aclaratoria:

– Mira! O Euribor está ao 6% e o banco require un 3% de marxe. Se lle arrimamos os gastos e comisións globalmente de 0,85%. O total dos xuros a percibir polo banco do Espírito Santo é de 9,85%.

Até aquí todo me parecía acorde coas matemáticas, pero eu como son un de eses comunistas mal intencionados e « mosca da merda » continuei coas miñas preguntas insidiosas:

– ¡E logoooo! ¿que é ese Euri… non sei qué?

– Pois mira, vouche poñer un exemplo: cando ti ves buscar diñeiro ao banco, ese diñeiro non o sacamos do noso caixón, ímolo pedir á Banca do estado que nolo presta a taxa Euribor que varía segundo o tempo e que hoxe está a 6%.

– ¡Ahhhhh! Pois mira ti como se entenden as cousas cando son explicadas de xeito sinxelo. (Eu aínda non sabía nese momento que todo era mentira cochina, o banco non ía buscar diñeiro ningún á banca do estado, o diñeiro era pura e simplemente ficticio, nin sequera estaba cuberto polos fondos dos aforradores depositarios).

– E logo, ¿porqué eses gastos e comisións de 0,85% cando xa cobrades unha marxe de 3%? Se Belarmino ven aquí buscar o crédito, asina con vostede que é o banqueiro, ¿a quen raios se lle pagan eses gastos e comisións?

ContasClarasNeste momento o señor Gonçalves (director do establecemento) encomezou a tremer, desconcertado, visiblemente nervado, miraba para o reloxo e cortou de contado:

– ¡Olla! É difícil para min poderlle resumir os intríngulis do sistema financeiro a un profano na materia, para comprender esas cuestións é preciso ir á universidade… Así que se o que molesta ao señor Belarmino é o tema dos gastos imos atopar un compromiso, baixamos un pouco a nosa marxe ao 2,15% e así os gastos son absorbidos por ela… ¿Acordamos así?.

Como os outros bancos estaban moito por enriba de estes xuros, Belarmino aceitou e concluíu o negocio. Unha transferencia foi feita para a conta de Isolina do Catuxo que (colaboración intercambiara axudando) non lle vai ver a cor ao diñeiro e este servirá, de rebote, como depósito para o proprio crédito de Belarmino. Dase por sabido que se non entendedes este truco de maxia tendes que ir a universidade que eu non vos debo nada… ¡anda oh!

Pluriempregado e a mercar nunha urbanización

Belarmino amais Sofía foron empregados, por medio de un amigo, na célebre factoría de Similor Kugler (fabrica billas para os excusados) que era unha perla da industria xenebrina. Os salarios da nosa parella dobraron e as condicións de traballo eran lixeiramente mais confortables. Non por iso deixaron de pluriempregarse na limpeza dun banco. A felicidade parecía enteira e Belarmino colleu aires dun rei do mambo, pufaba coma un boi de posto.

Como o que ten que ocorrer ocorre case sempre, un tempo despois, había na Nosa Galiza un anuncio duns apartamentos na costa mediterránea que lle randeaba o carallo. ¡Pintábanos tan cuquiños! Xa vexo eu dende aquí que adiviñades o que pasou, ¡exacto! ¡A comprar que deus te criou! … E veña de novo a crear diñeiro ficticio no banco. Como raios podedes ter un corazón tan duro e criticar ao Belarmino por traballar día e noite, non vos decatades que está empeñado coma un escravo.

Era verdadeiramente o emigrante máis pomposo e respectado de todos os bares españois de Xenebra, foi a envexa de todas as mulleres que tiñan uns homes taberneiros, derrochadores e putañeiros coma min. Como me dicía un día Manolo do Pexegueiro, “¡non vexas o capital que ten ese home!”

Hai que dicir, na defensa de Belarmino, que, nesa época, os banqueiros non paraban de mandar cartas a casa da xente ofrecendo créditos a un custo tan baixo que case che pagaban para que colleras cartos. Admitamos, como xente comprensiva que somos, que é verdadeiramente duro de non caer no garamelo.

Como acostumaba dicir Belarmino, cando aínda tiña quen o escoitaba e vontade de irse facer acariñar o lombo polas tabernas, ¡ao progreso non se lle poñen cancelas! Un estatuto social elevado non vai de par cun coche de mala morte e un día vin pasar ao Belarmino dentro de un Mercedes turbo, con non sei cantas válvulas e con máis cabalos que o tractor de meu pai, semellaba o mesmésimo fillo de Kadhafi. Non terei que dicirvos a estas alturas de onde saíron os cartos. Se estiveses atentos decataríasvos que non saíron de ningures. A crédito, paifoques, a crédito!

Aínda que a Igrexa católica non o admita, o mundo continua a xirar e Belarmino, coma todos nós tamén xira. Non nos decatamos porque a lei da gravidade …

Empresa deslocalizada e cartos que voan

O mundo xirou tan decontado que, un bon día, o xigante español dos retretes, Roca, mercou Similor Kugler e decidiu deslocalizar e concentrar unha parte da produción e a distribución a Wallisellen facendo unha reestruturación do persoal en consecuencia. ¿Seguides o fío?

Inxustiza suprema, delito de lesa belarminada, catástrofe humanitaria sen precedentes, Belarmino amais Sofía estaban no lote dos despedidos. Como o enchufe que os metera xa se retirara, atopáronse sen defensa e, como nese mundo do progreso ao que non se lle poñen cancelas, os nosos protagonistas víronse como se di dun xeito basto (o meu) na puta rúa.

A lei do paro di que, se non tes fillos a cargo, os subsidios de desemprego pasan a ser o 70% do salario, as primas e horas suplementarias que eles facían a eito non entran no cálculo e a idade e a cualificación non son axeitadas aos cánones apropiados para atopar un traballo novo. Pois para que furgar máis na ferida da vosa sensibilidade que xa vexo eu que empezades a dicir ¡ai! ¡ai! ¡ai!

Pensades que aquí se remata esta triste historia pero… ¡vai ser que non! Para termar do entramado, que se vía cambalear, e saír do paso mentres se buscan outras solucións, ¿a ver se sabedes que se lle ocorreu ao raio do Belarmino da Covacha de Guldrís?, Pois… ¡chan, cha, cha, chan! ¡tira de tarxeta de crédito que deus te criou!.

Pero si home si, se o banco chas manda sin pedilas, métechas polo narís.

Crédito sen fin e inspectores á caza

O volume de débedas da familia Carreira (nome de familia de Belarmino e Sofía) no canto de se amortecer, aumentaban exponencialmente e a situación de traballo non se lle vía saída, avanzaban rompendo camiño no mato, a golpe de machete.

A todo isto, os nosos amigos, como proba de que o ser humano sempre atopa por onde rachar, descubre o que os vai sacar do burato, o traballo ao negro sen declarar ao paro. A inventiva picaresca, que fai dicir ao primeiro ministro español que a economía española é sólida, funciona pero, para funcionar verdadeiramente, ten que se desenrolar de preferencia no territorio español. Nos outros sitios, non é que non se practique, que se practica, pero é un pouco máis mal vista polos funcionarios que están encargados de a combater.

Como puiden, preparei unha cartiña para recorrer a decisión do paro de poñer unha denuncia penal por estafa a fondos públicos, a devolución dos subsidios dun ano e unha multa de 50 mil francos alegando que, como a empresa declaraba o salario no seguro de vellez eles pensaron que xa era automaticamente declarado ao fondo de desemprego e dado que « Madame et Monsieur » Carreira están afogados polas facturas e as débedas nin se decataron que o diñeiro entrou na súa conta.

Xa sei que ten poucas posibilidades de que sexan totalmente absoltos pero agora só lles fica encomendarse ao Espírito Santo (o pombo, non o banco) e, como din os tertulianos que ten que facer o mercado: « recuperar a confianza ». Despois de todo, ¡hoxe cincocentos mil euros non é nada!!!

¿Caerá Suíza tamén?

criseTombaeCando acabamos de redactar o recurso, Sofía comentou mais que nada para relaxarse un pouco:

– E logo ¿ti que pensas de toda esta barafunda? ¿Pensas que en Suíza vai haber o cataclismo que anuncian a nivel mundial?

– Non creo, muller, ti non ves que en época de miseria no mundo, Suíza é un refuxio para que os cabróns do mundo enteiro veña agochar aquí o produto das súas falcatrúas.

– ¡Tes razón! dixo para min Sofía mentres cruzaba as pernas ao tempo que eu me decatei de que levaba a saia curtiña. Pero esta vez Belarmino tiña outras preocupacións máis profundas.

Despois desta conversa, fun ás oficinas do meu banco retirar uns francos para invitar a cear alguén antes que isto se derrube. Na xanela do lado había un homiño que falaba para o empregado:

– E con toda esta revolución, ¿que vai pasar?

Eu non me puden conter e falei para o vello:

– ¡Revolución, revolución! Revolución é a que vai haber, até o de agora foi brincadeira. O vello puxo cara de espanto e adoptou unha postura de defensa . Eu dei media volta e, sen saber porqué, notei un sorriso dentro do meu corazón.

Así sin ter nada que ver, quero aproveitar para dicir que O Capital de Karl Marx está en ruptura de stocks o que vai xerar unha drástica suba de prezo mentres baixa o petróleo. Como bon economista que eu son, aconséllovos de esperar un pouco antes de vender o vello libro que conservades no estante do salón. Cando vexades que soben os valores do Dow Jones, a dura lei do mercado non perdoa pero tamén ten a súa lóxica, vendede O Capital que de seguida vai baixar

 

Laisser un commentaire

Votre adresse de messagerie ne sera pas publiée. Les champs obligatoires sont indiqués avec *

Ce site utilise Akismet pour réduire les indésirables. En savoir plus sur comment les données de vos commentaires sont utilisées.