A liña vermella da vida

neno-con-vacas«Aquel que percibe a súa propia vida e a dos outros sen sentido é fundamentalmente infeliz, xa que non ten motivos para vivir»
Albert Einstein

Amariño tiña 6 anos, era un neno coa cabeza chea de paxariños.

Todo lle interesaba, en especial a natureza, as bolboretas que, coma tolas, andaban de un sitio para outro. Nunca comprendeu porque voaban sin rumbo aparente, á deriva, nunca en liña dereita…

Xa ía coas vacas, cando non tiña escola, seu pai nunca quixo que fallara, tivo sorte, os seus veciños ían chamar nas vacas moito e pouco á escola. Era despistado: un día pasou a tarde a correr tras de un carrizo. Os carrizos eran moi astutos, voaban pequenas distancias e pousaban.  Amariño, pensando que estaban cansos e que logo non terían azos para voar, corría de un lado para outro ate que non lle cabía a alma no corpo a el.  Entretido como estaba por coller o carrizo, non se dou conta que as vacas fuxiron e fóronlle comer medio ferrado de trigo aos Chapurros, menos mal que se levaban ben coa casa, pero da tiradeira de orellas non se librou.

Labregos curtidos e axudas nos labores.

O pai de Amariño era un home traballador, duro e correoso coma unha pioga, era un gadañeiro respectado e apreciado na parroquia, e mesmo fora de ela, chamábano sempre para coller na herba seca. Amariño ía con el moitas veces, entretíñase e escoitaba atento a conversa dos homes, sempre contaban contos misteriosos e, como el era discreto e tímido, ninguén se decataba da sua presencia, falaban libremente diante de el, o que lle permitía disipar dúbidas sobor de preguntas substanciais da vida que lle interpelaban.

Un día seu pai foi chamado para a herba de Abelardo do Cardinal e Amariño foi con el, colleu un carabullo ao lombo, que maxinaba unha gadaña, e marchaba todo inchado ao carón do pai coma un alférez, intentando que seu pai satisfixera a sua sede de saber.
– ¡Oes papá! ¿porqué os carneiros ten cornos e as ovellas non?

Ao pai doulle a risa pero, a verdade era que el nunca se fixo esa pregunta.
– Supoño que será porque os carneiros ten que turrar uns nos outros.
– E logo ¿porqué os carneiros ten que turrar uns nos outros?.
– Por mor das ovellas meu fillo, por mor das ovellas…

Amariño viu que seu pai xiraba darredor da cuestión e desistiu de seguir interrogando.

Cando chegaron a casa do Cardinal, entraron na eira, o sol despuntaba pola Illa e unha brisa maimiña daba conta da brétema que aínda deixaba uns farrapiños nas brañas.

Saíu Maripepa a porta a recibilos
– ¡Vaia oh! éche boa verdade que os da beira da igrexa, son os últimos a chegar a misa. Entrade, entrade que Abelardo foi axudar aos do Quinto que lles está parindo unha vaca.

Os cruces de miradas que marcan

chat-filleAmariño reparou en unha nena de, mais ou menos, a sua idade, sentada no chan, que acariñaba un gatiño pequeno no regazo, ela ollaba para el con curiosidade, el, en un xesto de nerviosismo, limpou a nariz con a manga da sua chaqueta de pana, ela ergueuse con unha habilidade desconcertante, botoulle a lingua fora e botou a correr, desaparecendo cara a horta co gatiño pendurado debaixo do brazo.

O quero e non quero

Cando Maripepa veu traer o chocolate aos gadañeiros e Amaro foi encher o corno da pedra de afiar de auga ao rego  mentres seu pai espetaba a zafra para picar a gadaña e logo sentouse preto del.

Maripepa estendeu unha cunca de chocolate cara Olinda.
– ¡Ala! Olindiña, dálle esta cunquiña ao neno.

Olinda colleu a cunca de mala gana e case lla bateu a Amariño, botándolle a lingua fora de novo, pero esta vez con un leve sorriso de complicidade ou de intriga, quizais do feito que Amaro ollaba para ela con cara de pasmón, os movementos bruscos e desairados de Olinda, intrigábano. Ela posuía un relente de rebeldía e de viveza de espírito que desorientaba o seu pequeno entender, Amaro era pousado, interesado polos pequenos detalles, precisaba de tempo para reaxir, partía das pequenas cousas como punto de referencia para chegar ao infindo. Olinda era inquieta, comprendía as cousas globalmente, precisaba de tomar as distancias para poder ver o detalle.

Petar na porta do corazón

A mediodía, para matar o tempo, intuíndo quizais as miradas que de esguello Amaro lle lanzaba a Olinda, Anxelito da Caseta brincaba con el.
– Oes Codeso, o teu rapaz moito mira para a filla do Cardinal, vai ter que preparar a dote!

Todos se botaron a rir e Amaro, sentíndose descuberto, procuraba un canto onde refuxiar a sua mirada, as faceiras vermellas coma as ascuas da lareira… e mais cando lle dixo:
– O día menos pensado, venche petar na porta.

EnfantCampagneAmaro agochouse detrás de seu pai e as risas aínda foron mais contundentes. Sentiu estoupar o peito cando Olinda se ría tamén mentres daba unha volta facendo que a saia lle dera un remosco darredor da cintura. Amaro quería morrer.  Olinda veu ao seu carón e doulle suavemente unha lapada na cara, dou media volta co mesmo donaire con que facía todo o que facía.

Despois de merendar, Amaro, de volta a casa, falaba con seu pai mentres camiñaba, aínda non reposto das emocións que viña de vivir.
– ¿A que idade se vai petar na porta as mozas?

Seu pai mirouno de riba abaixo e mexou a cabeza.
– ¡Vallame deus!

A escola, un paso á fronte.

No primeiro domingo de setembro, Amaro foi a festa a casa de Sua avoa e, como era tarde cando a familia regresou, ficou a durmir sendo o seu primo mais vello que o traía cando viña para a escola ó outro día.

A madriña de Amaro veuno buscar un pouco tarde e a mestra fíxeo sentar no banco de diante onde estaban os mais pequenos. Como Amaro cumpría os 7 anos no mes de outubro, aínda non tiña dereito a comenzar aquel ano escolar e prestoulle un libriño para se entreter.

Ante o interese que Amaro poñía nas leccións que a mestra impartía, cando veu sua madriña, ela preguntoulle se quería ficar e ir para a casa ao mediodía cos outros rapaces ao rematar a escola, a madriña aceptou e así se fixo.

Ao rematar a escola pola tarde, Maruxa do Caseiro que era a maior da escola, veu a casa falar con o pai de Amaro.
– Dixo a mestra que mañá, se quere vostede, Amaro veña a escola e que lle merque unha pizarra, un pizarrillo e un parvulito dende que sexa posible.

O pai de Amaro saíu de noite, con a luz de carburo, buscar o material a cas do Ferreiro de Bazar, e para o outro día o coitado do Amaro, que tanto amaba a liberdade, víase confrontado a primeira responsabilidade social da sua vida, renunciar a correr tras das bolboretas e dos carrizos para encarrilar a sua instrución.

As consecuencias das emocións fortes

couple-livrePerante varios anos, en todos os debuxos e imaxes do libros da escola, no maxín de Amaro vía a representación de Olinda. « La vaquera de la Finojosa », Cleopatra, a virxe María, Rebeca, Marie Curie, Rosalía,  Inés de Castro…

Amaro non esqueceu nunca aquel día, é posible que se mil anos vivira, mil anos lembraría, e mesmo cando xa esquecera que ollos tiña Olinda, lembraría ese aceno, que para el non fora de desprezo senón unha chamada íntima, a lingua fora e a lapadiña doce na cara…

 

Laisser un commentaire

Votre adresse de messagerie ne sera pas publiée. Les champs obligatoires sont indiqués avec *

Ce site utilise Akismet pour réduire les indésirables. En savoir plus sur comment les données de vos commentaires sont utilisées.