O Tele-club

Teleclub3Mirando polo internet adiante, caín en unha vella noticia de «El Correo Gallego» de fai uns anos en que o Concello de Santa Comba destinaba partidas orzamentarias para diversas obras e, como sempre, boteille un ollo crítico, mesmo que non interesen a ninguén, non deixan de ser curiosas as decisión que toman os nosos edís elixidos democraticamente pola maioría de carrexados.

Concello xeneroso

Así vemos que o Concello contrata catro enchufados para o Grumir, un auxiliar de cociña, unha limpadora, tres peóns e un electricista. Non me explico eu como é que os traballos llos dan as empresas dos amigos con tanto «profesional» que contratan pero hai que confiar nos representantes democraticamente elixidos que miran polo noso benestar mentres o paduano que lles vota mira para outro lado ¿non é?

En canto as partidas en líquido (mais ben mollado) o Concello destina 25’000 € para arranxar o «despacho» do alcalde, 45’000 € para a comida dos maiores (se fai iso o consistorio da Vila de Xenebra, con un presuposto anual de 1’000 millóns de francos, van todos presos) 27’000 € para as festas locais, 6’000 para subvencións por compra de xovencas frisonas (supoño que serían para algún «gandeiro» pobriño e militante do Bloque) 12’000 € para a asociación Santa Comba de Xallas en Argentina e 50’000 € para o CF Santa Comba.

Mingallas para as parroquias

Na súa magnificencia divina, os Concellais (democraticamente elixidos) tamén destinaron 600 € para cada parroquia e… e (aleluia) 5’000 € para rehabilitar o Teleclub de Vilamaior.

Mesmo que considero aberrante que se gasten 45’000 € en pagar «encherolas» aos vellos co único obxectivo, até prova do contrario, de propaganda política digna das mais estarrecedoras ditaduras, teño que facer as respectivas xenuflexións de agradecemento, mais que nada porque sei que foron meu pai (O Maneiro) amais O Gaio que fixeron a solicitude aproveitando que o alcalde do momento era noso parente, é un pouco triste pero é o que hai.

Dito isto, coa rabia evacuada, deixo de lado esta furia anarquista, chuspido o veleno, volvo a acariñar a nostalxia de esas historias (con minúscula) que conforman a Nosa Historia (con Maiúscula)

Mestra con vocación

A mestra da escola de Vilamaior, cando eu comecei, aló polo 1965 chamábase Dona Carmen Varela Blanco. Era unha de esas mestras solteironas, formada polo réxime franquista para servir ao Movemento Nacional pero, confrontada a ignorancia e o atraso do mundo rural no que foi destinada, implicouse na vida social da parroquia e deixou unha pegada fonda nas persoas que a trataron. Un día contarei as miserias que pasou a mulleriña para levar adiante unha escola de 70 rapaces coma mendrugos de diferentes idades en condicións precarias.

Teleclub1En 1962, sendo Manuel Fraga, ministro franquista de información e turismo, impulsou unha rede de locais, chamados teleclubs, coa idea de levar a televisión a todos os curruchos de España, posto que a maioría das familias non podían permitirse adquirir unha, de este xeito, mais de 4’000 teleclubs viron o día por toda a xeografía española.

Os fundadores

Dona Carmen, sabedora de quen eran os impulsores das ideas progresistas e coa suficiente valentía para levalas a cabo, convocou a Ramiro de Goriño, O Gaio, Chucho de Abelino amais O Maneiro (meu pai) falándolle de este xeito.
– Facía falla facer unha casa de xuntas parroquial para impulsar a cultura.

O domingo, a saída da misa, os catro amigos foron cara a taberna de Eliseo do Roxo para conversar e a nabiña, sementada por Dona Carmen, empezou a xermolar.

Determinaron de coller o callao do peregrino para ir porta por porta explicando o proxecto a todos os veciños, fortes do apoio da mestra e da convicción que o que a iniciativa era lexítima e xenerosa.

A maior parte dos veciños decidiron de participar, agás algún «varolento» que ten que haber, xuntaron 32 socios fundadores con unha cota única de 500 pesetas cada un.

Na primeira asemblea xeral, a axenda era ruda e difícil, os socios pensaban que as 500 pesetas de cota (16’000 pesetas en total) xa se tiñan que arranxar os que foron nomeados para a comitiva que non eran outros que os iniciadores do proxecto.

Donante desinteresado

O primeiro problema a resolver era o solar para construír o edificio, todo mundo se puxo a mirar para o ceo e Ramiro de Goriño dou o paso ao fronte doando gratuitamente dos seus propios bens no lugar mellor situado da parroquia.

Espero que algún día, os habitantes de Vilamaior poñan unha placa agradecendo aos fundadores do Teleclub o seu empeño e, ante todo, a Ramiro por la súa xenerosidade desinteresada.

Despois de resolto este importante escollo, empezou a loita por obter os fondos que faltaban para comprar os materiais e asegurar a construción.

Mentres os veciños facían as súas labores habituais, o grupo dos catro atrevidos perdían xornadas e cartos dos seus petos para ir «chorar» polas administracións da Coruña solicitando axudas e medios.

Así obtiveron unha pequena subvención da deputación, cadeiras, libros, pupitres, brinquetes para os nenos, un aparello de televisión e outras necesidades básicas.

Nin que dicir ten que as malas linguas facían os seu traballo destrutivo, criticando os valentes da Comitiva dirixente do Teleclub con rumores difamatorios a pesares das contas rendidas e do feito que ningunha dieta era percibida por gastos de comida nin de transporte, non falemos xa do tempo perdido nas súas propias labores de labranza que tiña que ser executadas.

Pero, lonxe de desanimalos, o seu tesón aínda aumentaba e foi así como lograron poñer a veciñanza toda a facer as obras, infundindo entusiasmo e ilusión en nenos, vellos e mozos que, cada un como podía, participaba en esa causa común.

Alí se xuntaron carpinteiros, albaneis, pintores, electricistas e traballaron de sol a sol para ver a obra rematada en un tempo récord.

Lembro que, en esa época, non sei porqué, a min metéuseme na cabeza de ir a escola coas botas de meu pai nos pes, daba vergoña pero eu sentíame coma un coronel. Para que me desenganara, meu pai permitiume de levalas un día e cadrou que ese mesmo día, a mestra veu inspeccionar o avance da obra traendo os seus alumnos para explotar a experiencia de un xeito pedagóxico. Meu pai, que estaba encofrando nos cimentos, dixo para a mestra:
– Dona Carmen, ¿non lle pode dicir a esta alma cándida que tire con esas botas que eu non fago bo de el?

Entusiasmo popular e almas serviciales

Perante a segunda metade da década dos 60 e toda a dos 70, o Teleclub de Vilamaior coñeceu un auxe sen parangóns na comarca. A mestra utilizou de toda a súa influencia para facer vir de Santiago unhas monxas que animaron todo tipo de actividades con unha dedicación exemplar, e dígovolo eu que son ateo.

Foron impartidos cursos de alfabetización para adultos, cursos de cociña, costura, montáronse obras de teatro e outras actividades lúdicas e culturais a esgallo.

Outra particularidade foi o espírito libertario, igualitario e fraternal de estas monxas

O Teleclub empezou a ser un verdadeiro centro cultural a onde acudían mozas e mozos de toda a parroquia e arredores, de Bazar, de Freixeiro e de Rial.

MonxasGitarraOs domingos pola tarde viña un crego de Santiago celebrar unha misa participativa onde eran os veciños que lían as escrituras e, coas súas guitarras e outros instrumentos, as monxas amenizaban a liturxia con estilos modernos.

Aquel clérigo falaba galego, non daba leccións de moral a ninguén, non daba consignas políticas, falaba con palabras sinxelas e daba a palabra aos presentes con toda naturalidade.

Unha de esas monxas, bonita, lista e intelixente coa que tiven a sorte de bailar en algunha ocasión, tenme confesado que facía parte de un grupo, dentro da igrexa, que loitaba secretamente por abrir a institución a un mundo mais achegado aos cidadáns e, ante todo, aos mais necesitados, co afán de propiciar o verdadeiro ensino de Chucho, o fillo do carpinteiro, que predicaba a fraternidade e o amor.
MonjasUn día até Jorge do Quinto me botou unha reprimenda porque me aproximaba demasiado, segundo o seu propio criterio, a Sor Patricia, que así se chamaba a simpática monxa. De feito pilláronme, el amais Lino de Xendes, de ganchete con ela ao caer do escuro saíndo da fonte da Santa. Xuro que fomos alí a lavar os nosos pecados inocentemente, pero a xente é o demo.

A resistencia do poder

Todo este rebumbio dáballe mala espiña ao señor abade, que vía desesperadamente como o xentío desertaba de mais en mais a misa «tradicional» para incorporarse ao novo estilo das monxas e do predicador de Santiago e, inquedo, empezou a queixarse das supostas prácticas pouco ortodoxas que o Teleclub empregaba para atraer a súa ovellada.

Empezou a denunciar pouco a pouco presuntas derivas e costumes dubidosas dos organizadores de estes eventos mais páganos que cristiáns, no seu punto de vista.

Apoiándose nas beatas e nos instintos mais escurantistas, produtos de mentes obtusas ben estercadas pola ignorancia que a igrexa tradicional galega promoveu a diario perante séculos, empezou a sementar a discordia na parroquia. Empregou toda sorte de artimañas para acabar con ese oasis de cultura que era o Teleclub.

O saber, o arte e a cultura sempre foron un estorbo para as nosas elites, tanto relixiosas como civís, e así o mantiveron até agora.

Con dedicación e esmero, o escurantismo ganou a partida e as institucións relixiosas, axudadas polas autoridades civís, que tampouco estaban encantadas co perigoso espertar da xente, remataron por dar cabo da presencia das apreciadas relixiosas que tiveron que irse a pesares da farruca oposición da mestra e dos fundadores do Teleclub.

Nos anos que seguiron a marcha das Irmás, o Teleclub caeu na indiferencia e no esquecemento so apoucado por unhas improvisadas clases de preescolar que outra monxa, Lidia, viña facer até que os veciños tamén o perderon porque preferiron levar os nenos ao centro escolar do Traba. Como todo mundo ten coche.

Unha chea de anos sen uso, empezaron a minar a estrutura mesma do local e xa chovía dentro cando os derradeiros sobreviventes da «banda dos catro» (O Gaio amais o Maneiro) resistíndose a ver o seu «Bebé» morto, quixeron acudir ao orgullo do pobo que o creara. Foron pedir axuda aos veciños, comprobaron, con profunda decepción, que os valores de solidariedade e de irmandade xa non eran os mesmos. A maioría dos socios fundadores que non morreran perderan a memoria e xa non puideron facer nada.

Polo fruto coñécese a árbore

Testudos e orgullosos, non querendo sobrevivir ás ruínas de esta obra, que consideraban como súa, seguiron loitando e aló foron falar co alcalde para convencelo que se podía utilizar para xuntanzas, mitins político e como colexio electoral para que, os que mandan, poidan carrexar os seus votantes en condicións óptimas. Lograron reparalo e, non se sabe por canto tempo, aínda está vivo, ferido pero vivo.

SantaBillatesFinalmente todo está onde ten que estar: os ignorantes, que son unha enchente, fan todo o posible para volver aos tempos da tiranía onde o rico oprimía o pobre, os mozos e nenos continúan a pensar que o benestar e o progreso élles debido por lei divina e o señor abade segue a dar consignas políticas do Partido Popular dende o púlpito, arrincar os billetes que os fieis colgan nas enaugas da virxe, facer romarías de merda e… vivir que son catro días.

¿Canto terá aínda que chover para que, do pozo no que nos están fundindo, emerxan uns homes xenerosos, carismáticos, suficientemente valentes e amantes do pobo para erguer un pouco a dignidade das pobres xentes creando un novo Teleclub de esperanza?

 

2 réflexions sur « O Tele-club »

  1. Ai…meu irman!!!Estas tuas historias estanlle traendo moitos recordos a torre « piollera »do noso pai,segun eu lle vou lendo el di:Si,si,e asi mesmo,acordome coma se fora agora mesmo!!!Tamen di k se lembra moi claramente,cando marcharon as monxas,eles os da directiva,pedironlle que non se marcharan,que lle estaban facendo un ben a parroquia e colleron cen mil pesetas que tiñan de fondos e deronllos,e elas dixeron que non que non querian diñeiro,que non se marchaban por diñeiro,que marchaban botadas polo cura da parroquia,e elas non podian enfrentarse a el,que se marchaban pa outra parroquia que as estaban esperando cos brazos abertos!!!!

  2. Amigo Gómez, de verdad que tes unha cachopa como un bombo, alegrome que de vez en cando espoñas as tuas memorias, da nosa querida parroquia. Amigo meo, eu nonme recordo de detalles así como tí. De todas maneiras tamén me sinto partícipe de parte de esa historia, de entre ela de ser un dos cavecillas de baixar a romeria pra xunto o teleclub. Reunin a xuventiude toda e fixemoslle frente o Sr. Pardiñas xa que él era opuesto total, queria que seguise sen na carballeira de sempre o lado dos panteons. En aqueles momentos quen empezou a mandar ali fomos a Xuventude, sempre co apoyo dos mayores. Si que me acordo das monxas, o único que non me acordo como tí e dos nombres. Un dos curas que viña era o Rector do Seminario Menor de Santiago don Ricardo Viqueira o cal cando eu me casei, quiso vir e casoume él na parroquia da miña muller en San Med de Monte- La Baña, estubo el mais un seminarista que tamén esttaba a menudo en Vilamaior que se chamaba José-Maria. Unha aperta meo, a tua profesión penso que non e a que practicas, joder, dedicate a escribir. Bueno eso inda podes facelo despois de Jubilado.

Laisser un commentaire

Votre adresse de messagerie ne sera pas publiée. Les champs obligatoires sont indiqués avec *

Ce site utilise Akismet pour réduire les indésirables. En savoir plus sur comment les données de vos commentaires sont utilisées.