O año armado en lobo

FogueteBotarin illo tempore

Amaro Erguiuse cedo, cos primeiros foguetes da mañá. Tiña que ir a procura de algúns canivetes para recuperar as resistentes amarrallas que tiña. Era un traballo divertido e útil, a sua avoa usaba as amarrallas para coser os zocos.Dia de festa

Os zocos da avoa tiñan 20 anos, o pai de Amarao facía o fondo de freixo ou abeneiro, cumpría facelos de paus que non tiveran frebas, historia de non escachar coa primeira pedra que atopasen e a avoa, coa subela, arranxaba a peza cando rachaba. As amarrallas dos canivetes que ian atados a cana dos foguetes untadas coa pez que Delores manufacturaba coa resina extraída de unha fenda nos piñeiros na primavera, eran adecuadas para coser os zocos, albardas, e outros arreos de coiro.

san-antonioEra o 13 de xuño, dia de San Antón, ese día o crego non facía romaría eran almiñas devotas que se ofrecían ao Santo coa esperanza de sandar de algunha doenza, buscarlle maromo á moza, que xa tardaba en atopar, e outras necesidades. A seguridade social da época nin sequera era a do PP e os santos resultaban mais baratos, as prestacións médicas e sociais que o Santo dispensaba parecían mais adaptadas a época. Sempre o noso santiño escoitaba sin resollar as pregarias dos seus devotos, era un santo de pau que nunca daba unha palabra mais alta que outra, tiña unha humildade e un talante sin falla para escoitar aos nosos paisaniños e eso que algún levaría con xustiza unha boa patada no cu. Pero non é o obxecto hoxe falar do santo propiamente dito, senón do día, o dia de San Antoniño.

Ese día Amaro non collíu moitos canivetes, volveu a casa con un rendemento medio de 3 canivete por hora, o que é pouco con respecto a outros anos. Dende que fora para os frades, Amaro xa non era o que era, estaba sempre afociñado en libros raros. Un día Manolo do Marico que era o primeiro da aldea que fixo carreira decatouse de que estaba lendo o Decamerón e faloulle a seu pai con moito aprome:
– Está ben que o rapaz lea pero o Decamerón é algo forte para a sua idade.

O pai de Amaro, que lle era moi acreedor de respecto e admiración a Manolo do Marico, quíxolle guindar co raio da obra de Boccaccio pero Manolo salvouno in extremis do lume purificador dicíndolle que tampouco era para tanto.

Aló contra o por do Sol, amaro foi afeitar os catro peliños que lle empezaban a saír no queixo, o deixar de ser imberbe requiría ese aseo suplementario.

Tiña que poñerse bo mozo, esta noite, con un pouco de sorte, viñan as mozas de toda a parroquia de Freixeiro e había unha que lle interesaba, facía tempo que non a vía e botaba de menos.

Logo de merendar un carolo de broa e unhas xoubas en aceite, Amaro foi chamar Enrique dos Agüeiros para ir a romaría. Amaro ía con un pantalón de cadros que xa lle ía ficando axustado de mais pero que aínda podía tirar uns meses, unha camisa de liño que lle trouxera seu padriño de New York, non é que fora unha combinación perfecta de cores e formas como para que as rapazas caeran rendidas ante el, pero a competencia non era moi ruda, no que a vestuario se refería, e contaba de suplir esa carencia indumentaria con algúns contos que aprendera no colexio.

Xa facía algún tempo que Amaro deixara de xogar na romaría á queda amais a recuperar moscas zapateiras das bestas dos de Castriz no pallal da Pardiña para meterllas por debaixo das saias as rapazas. Agora empezaba a interesarse polas mozas pero a vontade non ía, por forza, acompañada de unha estratexia ben definida e estruturada.

O caso é que presentouse no rueiro da festa coas mans nos petos, andando con xeitiño e remexendo as moedas valoradas en 600 reás que sua avoa lle tiña dado ademais de un billete de 20 pesos, encargándolle ben que, se podía, non as descambiase porque o diñeiro dende que se descambia desaparece como faíscas de palla.

Arrimouse a unha taberna ode estaba seu primo Arturo e este ofreceulle un Kas de laranxa. Procuraba copiar os ademáns de seu primo bebendo e apoiando o cóbado esquerdo no mostrador e a cabeza ben ergueita, con aire de estar controlando o ambiente, para tentar de parecer mais vello que do que era.

A chamada da natureza.

danza-13042Ainda non rematara o Kas que a sua mirada foi literalmente obrigada a dirixirse a un punto concreto, unha mociña camiñaba collida ao brazo de unha amiga, falándolle cousas ao oído.   Diríase que era unha boneca de esas que vendían nas tendas da señora que falaba castelán en Santa Comba. Tiña unha tal gracia no andar, un tal donaire no semblante, uns olliños saltóns e penetrantes e unha xestual nas manciñas que deixaba inútiles as palabras. El xa a tiña visto na misa moitas veces pero nunca se atreveu a falarlle. Dende que lle viña ao sentido a vontade de dirixirse a ela, unha man invisible tiraba por el cara tras e parecía que alguén, aló no seu interior, lle dicía:
– ¡para quieto bormeludo! ¿ou xa non te lembras cando, de pequena che botou a lingua fora e cando se riron de ti porque a miraches como un pasmón?

Pero ese día bendito de San Antón, Amaro púxose farruco con o seu propio medo e dende que o torreiro se foi enchendo de xente que xa lle pareceu que ninguén o controlaba, axustou a chaqueta aos ombreiros, pasou a man polo pelo, respirou profundamente, botou un sinal da cruz interior e xogou a primeira baza.

Foi achegándose a ela, ollando para outro lado, coma quen non quere a cousa e, dende que os Vencedores de Montouto empezaron a tocar o « Kasachós », foi dereito a ela e pediulle para bailar.
– ¡Ola Olinda!
– ¡Ola Amaro!

Vendo que Olinda se acordaba do seu nome, dou un paso atrás e perdeu os modos por un momento
– ¿E logo lémbraste do meu nome?
– Ti es moi coñecido aló no noso lugar, fai un tempo pasei por diante da de Pura e estabas alí, hai unha que está interesada en ti, ¿queres que cha presente?
– Agora o que quero é bailar contigo.

Olinda botou os braziños cara el e apousounos docemente nas clavículas de Amaro, el sentiu o peso de varias toneladas no seu peito e o pulso colliu tal carreira que o sangue parecía sairse nas voltas das veas. Ela ollou para el con olliños a medio abrir e acaroou o seu corpiño ao de Amaro, que sentiu en un instante un estremecemento lixeiro pero intenso. Amaro non podía dar creto ao que estaba vivindo, tal vertixe lle entrou que perdiu o paso da Yenka, os dous non ouvían música de ningunha parte, perante un ápice de tempo Amaro sentiu dentro de si a batalla de Troia, o seu corpo era en ese instante o escenario do Decamerón todo enteiro. Sentiuse un pouco culpable que desexara en ese momento a fin do mundo para que aquela imaxe dos libros da sua infancia ficase amalloada a el.

adoDiamant¿Quen pode definir o que pasa dentro de un rapaz que ven de vivir o feito transcendente de bailar a primeira peza con todos os retratos, debuxos e caricaturas que viu en todos os libros onde tales imaxes estaban impresas? Eu non sería capaz dende logo, é preciso vivir esa experiencia imposible para poder transmitila con fidelidade, síntese alas nos  pes tal Psicopompo acompañado almas perdidas cara o seu destino póstumo, un aire quente sopra no pescozo e tense a impresión que se transpira sangue, o mundo ao  redor desaparece e un abismo de inseguridade induce o vertixe do noviciado, unha sensación de abandono atenaza as frebas dos músculos, compréndese en un so instante porque se reza aos benaventurados que esperan a vida eterna en un certeiro edén.

O paraíso ten que ser eso, un instante na tua vida que é, en si mesmo, unha eternidade.

Olinda deixábase morrer con unha mestura de temores de  que pasara o que viña de pasar: que a sacara a bailar aquel pasmón que a miraba con ollos de can mallado pero que era tan misterioso, que tiña ganas de rirse de el e, sobor de todo, de rir con el. Ela notaba coma que as pernas lle desfalecían, quería levarlle o paso pero a verdade era que Amaro era torpe, aínda así ela era feliz e sentía como unhas protuberancias que, segundo lle ensinaron na escola, estoupaban na superficie solar a millóns de graos de temperatura, bulir por toda a superficie do seu corpo.

BaileAmor1O corpo de Amaro, aínda que bailaba como un elefante amarrado a cadea do circo, era para ela un abrigo contra o mundo, sin que as verbas viñeran alodar ese momento máxico, deixou que el a apertara con dozura, con suavidade, Os Vencedores non tocaban seguramente un slow pero, para eles, outra música celestial soaba aló dentro e un zume fluía, coma nos vellos carballos do Baladoiro, dende a mas fonda e distante raíz ate a póla mais alta do bico.

Bailaron toda a noite e, sin case decatarse, ao fin da noite xa coordinaban os seus pasos, xa Amaro non era tan torpe, xa Olinda pensaba que, mirando ben, non era tan mal amañado o raio de Amaro.

Ás ervellas.

As poucas palabras que se dixeron foron para eludir o que era evidente, coma se de un pecado se tratase, no descanso el atreveuse a pedirlle un paseo, ela acédeo e camiñaron ate a casa de, Deus llo perdoe, A Chia. Cando pasaron pola de Añón, o Tiketike de Malvárez veu pedirlle un pitillo a Amaro pero Amaro non o tiña e el marchou dicíndolles:
– ¿ides ás ervellas?
– ¿porque non vas a merda, Tiketike do carallo? (díxolle amaro, enfadado e ameazador)

Ninguén, se non fose o feito que Amariño do Codeso estivo con unha moza, puido saber o grande feito histórico que en aqueles momentos pasou entre eses dous seres, minúsculos pero únicos no mundo e sobre todo para eles mesmos. Todo pasou por telepatía, por xestos tenros e repousados, apertóns apenas perceptibles en un brazo, rozamentos ao camiñar, leves achegadas de faceiriñas e doces estrinxidas, lenes pero intensas de un corpo contra o outro.

De este xeito, calquera que os observara diría que eran dúas crías que estaban alí porque estaban todos, que perderan a noite mirando un para o outro coma dous periquiños que se fregan o peteiro sin resolver nada. Nada mais lonxe da realidade, en ese San Antón construíuse unha obra faraónica nas almas cándidas dos dous anxeliños.

Con estas emocións, Olinda e Amaro decatáronse apenas que Os Vencedores anunciaban a derradeira peza e a garda civil empezaba a mandar pechar os tarecos. As veciñas e irmáns de Olinda viñérona chamar para tocar retreta.

Muino_en_Rego_da_Xesteira-_Peiro_de_MuinoAmaro pediulle a Olinda se a podía acompañar, isto era antes de saír da luz, antes de aventurarse nos carreiros estreitos que, de noite e sin candea, Amaro non coñecía, pero a intención estaba, algo era algo. Emprenderon o camiño e tiveron que pasar o rio da Balsa, non había ponte e tíñase que ir de pedra en pedra, cando chegaron ao último pasadoiro, Amaro colleuna polo van con agarimo e con xeitiño, coma quen agarra unha moneca de cera, apertouna lixeiramente e pousouna coma se pousa un astronauta en ingravidez lunar, como un deseño animado en cámara lenta ou como unha hostia se deposita con devoción no sagrario.

Amaro camiñaba con Olinda coma se estivesen en unha de esas historias do Decamerón, soñaba que ero o príncipe que ía desflorar a princesa, o cabaleiro andante coa sua Dulcinéa que ía desafiar os xigantes ameazantes que axitaban seus brazos aos catro ventos. Eso era no soño, porque na realidade, dende que pasaron a derradeira casa de Vilamaior, a medida que as pedras do camiño eran descoñecidas e encancaba na rodeira do carro, o camiño estreitábase, a maldita noite negaba un resollo de claridade, a lua denegaba a prestarlle sequera un fío de luz e as estrelas, coquetas e burlonas, estaban aló arriba para se faceren ver por seres marabillados, non para alumear os camiños dos namorados.

O respecto do lobo

Amaro quixera ser mariñeiro e perderse no ancho mar con Olinda, polo menos serviríase das estrelas como guieiros, pero na terra firme, loitando con silvas dos valados que parecían querer tremar de el para ofrecelo como condenado a santa compaña, con xestas que semellaban monstros debuxados no horizonte e con toxos que, sin mingalla de piedade, viñan invadir o territorio en un carreiro de atallos que cada vez estreitábanse mais e mais como para avisalo que agora non lle farían nada porque os veciños de Olinda levaban foques pero alí estaban para apreixalo ao volver, no suposto caso que atopara o camiño de volta.

LoboLuaO pobre de Amaro pasou o mal trago da sua vida e tivo que comer o propio orgullo, non é que xa non o tivera feito en moitas ocasións pero alí derramábase diante da Reina dos Libros, diante da luz dos seus ollos e tivo medo que apenas alumeada, para sempre se apagara. Así que, cando despois de combater consigo mesmo, coma un león, procurando que Olinda non se decatase de ese combate sin cuartel entre o medo a ser comido do lobo, a prudencia do ser intelixente contra a imprudencia do amante, resolveu tomar unha decisión porque tiña que ser así, botou de conta que, se daba volta, tería mais ocasións de estar con Olinda pero se, pola contra, se perdía no monte bravo e o comía o lobo ou caía na poza do Carballoso, non a vería mais na vida. Triste  consolación pero de repente, coma quen queima os barcos, doulle un biquiño na faceira a Olinda e dou volta para que ela non o puxese ante a evidencia da sua pusilanimidade.

Tempos despois, falando con unha persoa de mais edade que presenciara no seu día estas lides, Amaro manifestou o seu pesar por non terse deixado comer do lobo aquel día. A debandita persoa, como para exocisar os seus diabos aseguroulle:
– Pois mira ti, aquel día todos fixemos apostas de canto tardarías en dar volta, ninguén pensou que chegarías ao Tarroal, ¡e chegaches!

Os soños non despertan.

Asi remata este episodio da vida de Olinda e Amaro. ¿valeríalle de algo a Amaro o evitar o lobo aquel día de San Antón? ¿comeríao o lobo outro día? ¿E Olinda, soñou ao caer nos brazos de Morfeo, na sua cama, con Amaro ou con o lobo do maxín de Amaro? Haberá que investigar para tirar a luz o destino verdadeiro de estes dous seres. ¡Xa veremos!

 

Laisser un commentaire

Votre adresse de messagerie ne sera pas publiée. Les champs obligatoires sont indiqués avec *

Ce site utilise Akismet pour réduire les indésirables. En savoir plus sur comment les données de vos commentaires sont utilisées.