A traxedia de Moncho, O Fungueiriño

diana_fingerLémbrome un día, aló en setembro 1997, que o mundo dou un tombo. Aquel día todo o que mirabas, deixábate aloulado, andaba o pobo todo alporizado, horrorizado, non se albiscaba mais que tristura no entorno. Tantas caras pasmadas, tantos ollos amulatados, tanto ensimesmamento nos trolebuses da rica Xenebra, tantos paseantes ollando o chan, até as autoridades mandaron esmirrar o famoso chorro por mor do velorio de Lady Di. Os paseos pola beira do lago era un ir e vir de pantasmas que, co corazón revolto e coa voz doce e mainiña, encetaban conversas apaixonantes: «¡malditos paparazzi!» (dicía unha boa señora mentres ollaba con moito interese unha revista do corazón no salón de peiteado).
Bendita a televisión por cabo, bendito o herexe que se convertera ao anglicismo polo amor da princesiña, bendito o matón que tomou unhas copas de mais pero, iso si, malditos fotógrafos afamados e miñatos que por comer quente son capaces de perturbar a paz de semellante santa pureza, de santa princesa, até a familia política que, en troques de fregarse as mans de pracer como sería lóxico, botaron a súa bágoa de tristura e manifestaron publicamente, coa debida dignidade, a sua desolación. ¡Business is business!
O domingo seguinte ao dia fatal, co hábito helvético, baixei poñer a cadela a mexar e mercar o xornal, pousei as nádegas nunha cadeira da terraza do bar, para aproveitar as derradeiras raiolas dominicais do efémero verán da Romandía e ler tranquilamente. As quince primeiras páxinas estaban adicadas ao acontecemento de marras, pola contra a nai Tareixa só era dona da páxina 16. ¡Probiña!, si, debía ser por probiña. ¡Business is business!

SaleTypeO meu veciño Marujo (de alcume), que é un home moi razoable e comedido, por iso eu non me relaciono con el, conversaba con un grupo de vermuteiros:
– Compre restabelecer a pena de morte para os xornalistas asasinos.
A Sociedade Protectora de Animais desaconsella colgar toda besta polos testículos, mesmo os máis noxentos, pero este meu veciño debía ser unha excepción. Estar catalogado no xénero monstros da natureza.
De volta a casa ouvín soar o teléfono.
– ¿¡Alló!?
– ¿Sabes quen morreu?
– ¿E quen?
– Moncho
– ¿Que Moncho?
– Aquel que morou con nós nas barracas no 81.
– Pois non me lembro.
– Si, home, Moncho (O Fungueiriño) aquel que sempre dicía que dende que chegaba a Galiza, o primeiro que facía era dar uns fungueirazos na Maria, por iso lle chamábamos Fungueiriño.
– ¡Ai si ho! agora xa sei quen dis.
– Pois enterrárono o mércores. Onte chamoume a sua muller, para que lle mirara que dereitos tiña en canto a viuvez, e como ti estás mais ao tanto de estas cousas, pois chámote para ver se lle podes botar unha man.
– ¡Home! Eu non sei, ti ben sabes que el non se quixo sindicar nunca, a min tenme feito moitas trapalladas porque non soportaba verme falar das miñas ideas…
– ¡Ben cho sei! Pero éche unha caridade axudar agora a sua viúva, no fondo non era mais que un pobre diaño, ela non sabe ler nin escribir, os fillos son uns larpeiros que lle larparon todo o que tiña e aló ninguén se ocupa de ti se non tes un chavo e, se se ocupan, cómenche o pouco que che fica.
– Tamén tes razón…
Moncho, O Fungueiriño, era a antítese da Lady Di.

Barraca número 4.

MonchoBarraca1-copie-2Coñecino nos albores do meu desterro. Era o habitante da barraca Nº  4, estaba só nun cuarto porque non atopaba ser que o aturara. Pagaba por dous un cuarto de 3m. X 3m previsto para dúas camas.
Xogando as cartas era un portento, ás dúas bazas sabía quen tiña o tres e, se tiña boas cartas, non perdía un tanto. Cando remataba a partida sabía cantos puntos tiña cada xogador sin contar. Tute, escoba, brisca… a todo lle daba.
O xogo as cartas era o seu único pasatempos, nunca lía, nunca ía ao cinema, nunca falaba de outra cousa que non fosen as cartas.
Enriba do seu leito tiña pendurado o testamento de Franco, sabíao de memoria e profesaba unha fervente admiración polo finado ditador (que deus llo perdoe). Paradoxalmente, a culpa de todo tíñana os cregos. Segundo el, Franco eliminou a peste comunista, anarquista, sindicalista e franco-masónica pero o seu erro foi non capar os cregos. Dicían as más linguas dos seus veciños que o enorme odio polo clero viña de que sua irmá empreñou do crego da parroquia e cando a familia se decatou xa era tarde para botala a perder e o pai, sentindo piedade de ela, fíxolle a mellora. El era o fillo destinado a coller os aprechos da vida pero este incidente veu trocar o rumbo da sua vida.

1EmigranteDas tres saídas posíbeis (casamento con dote, casamento con rica, ou emigración) a Moncho tocoulle a derradeira.
A culpa da situación non a tiña o atraso económico da Galiza, nen o liberalismo, nen o caciquismo, nen os corenta e pico anos de ditadura, a culpa tíñaa a sua sogra que era unha harpía, unha loba e unha víbora. Nunca descubrimos porque a sogra era tan má pero dende que alguén falaba de unha sogra corríalle unha suor pola testa, e comenzaba a tatexar e escumar.
A sua dieta era composta de patacas, ovos, touciño salgado e, de cando en vez, esperaba o peche da Placette para ver se lle vendían catro xurelos de rebaixas de última hora.
Como nas barracas estaba prohibido cociñar no cuarto, cumpría rendibilizar a cantina, Moncho comía case todo frío ou, coma outros, cociñaba clandestinamente con un forniño eléctrico agochado na maleta, na fiambreira da obra e con todo ben pechado para que non o descubriran. Entrar alí era entrar en unha cámara de gas.

Bagoas, sexo e suor…

Traballaba nas obras, era un traballador modelo, un verdadeiro Stakhanovista, o home do martelo pneumático. Os capataces chamábano «Demolisseur». Tiña un medo terríbel a que non lle renovaran o contrato: coma todos pero a el notábaselle moito.
A arte do peloteo manexábaa con mestría. Non paraba de rebaixarse a si mesmo, facía continuamente eloxio da sua condición de desgraciado, estaba sempre disposto a ocupar os postos que os mais arriscados rexeitaban. Padecía vertixe e cando o mandaban subir ás estadas facía tremer toda a armazón. Pero subía.

indexAos sábados, despois de amolecer a roupa nas duchas colectivas, baixaba á estación para ver mundo. Sentaba nun banco do andén perante horas, pensativo, coa faciana esmorecida e, coma extasiado, observaba os trens pasar sen un soo xesto, sen resollar, tiraba un pano sucio do peto da zamarra e limpaba os bormos despois de pasalo polos ollos. Cando se perdía de vista o tren de Port-Bou e o de Irún, erguíase e marchaba amorfo, sen ollar para tras.

BaileVellas1Despois dirixíase aos Acordeóns (o baile das vellas), botaba unhas bailiñas e bebía un vasiño de viño do mais barato. Na época había moita afluencia e as vellas eran moi solicitadas. Non me estraña que fose entre elas a porcentaxe mais alta de votantes a favor de manter o estatuto de tempereiros inmigrados. Gostaban moito que non puidesen ser acompañados pola familia. ¡Business is business!
Por veces lograba unha conquista e chegaba á madrugada todo satisfeito. Cando non concluía coas vellas daba unha volta polo barrio chino, e, se atopaba unha que lle facía un prezo satisfactorio para ambas partes, subía, contrariado, e despois contáballo aos compañeiros da barraca embelecendo o feito e enaltecendo o moito que a afortunada dama berraba de ledicia…
Algunha rapaza do oficio aparecía rondando as barracas os fins de semana para abordar a clientela, que aínda sin ser selecta, era abundante e pagadora. Un día Moncho contratou unha e levouna para o cuarto. A rapaza, ao ver o fluxo branco que cobre o prepucio cando non se mantén unha hixiene rigorosa, mandouno lavarse nos lavadoiros e esixiulle o pagamento da suma tratada antes de toda outra transacción.
Mentres el se aseaba, uns mozos portugueses, que estaban ao axexo, repañaron a lady para o seu cuarto e, á volta, Moncho adoecía coa dor de testículos. Cando se decatou, que nas barracas todo se chega a saber, Moncho comentou con uns aires non faltos de unha sospeitosa filosofía: «¡Estes portugueses arruínan a emigración!»

Permiso B

O domingo, remataba de lavar a roupa e ía visitar algún veciño ou botaba a tarde na cantina xogando as cartas se tiña contrincantes.
O seu patrón permitíalle ficar na Terra para facer a milleira. Sempre facía menos de nove meses de contrato e por iso nunca apañaba o permiso B. Era un de eses eternos tempereiros.
Unha vez que a miña empresa coincidiu na mesma obra que a sua, traballamos xuntos.
Burro-Ministro-barra-latEu estaba facendo un curso de dereito do traballo e pasaba as pausas lendo e facendo exercicios escritos. Moncho chamábame«Catedrático da merda», «Burro cargado de libros».
Eu lembráballe decote aquelas xentes que viñan xunto dos labregos a facerlles firmar papeis e, ao mesmo tempo, aquel que quería amañar o mundo cando el sabía ben que o mundo podre no que vivíamos non o amañaba nen Deus. Para el era claro: o noso fado era andar arrastrados e o poder de trocalo estaba nas mans daqueles que, xustamente, non tiñan interese en mudar cousa ningunha.
burroInterrSoportaba moi mal que eu o observase en silencio. Sabía con certeza que era o único que o entendía na obra e escaravellaba nas razóns profundas do seu sentimento para roubarlle unha alma de revolta que estaba dominada e oculta por un corpo marcado pola xenreira e os golpes baixos, polo desprezo e a indiferenza.

A indiferenza é a que mais dano fai na moral dos homes desterrados, zombis que viven coa amargura no seu peito e coa esperanza, que eles saben inútil, de futuros tempos de felicidade, unha nova mocidade roubada no seu tempo.
c6996cc2fc3a8748e31fe9388b739017Eu era o que estaba alí para poñelo no seu sitio, en fronte das súas contradicións. Eu propoñíalle erguerse e loitar pero non lle daba as garantías do éxito. Eu non era o mito, semellábame de mais a el.
Pasado o tempo, eu mudei de traballo e de morada e perdino de vista. Mentres, Moncho envelleceu e, para o seu patrón, crise dediante, era menos produtivo e rendible.

Volver a terra…

Un día vino na estación e convideino a tomar un branco no bufete. O probe estaba tan contento de verme e poder berrar un pouco comigo que quería pagar a toda costa. Botou man ao peto da zamarra e sacou uns francos envoltos en tabaco. A camareira puxo cara de noxo. Ela non podía comprender. Anuncioume que o despediran.
– ¡Non hai dereito!
– ¿Non te lembras cando ti me dicías que os que estaban no paro era porque non querían traballar? ¿Agora logo décheste conta? Claro que hai dereito, ¡mamón!
– ¡Vaite para o carallo!
– ¿Porque andas sempre con esa zamarra? ¿Non ves que morres de calor? Así e todo, estamos no mes de agosto.
– Éche por ter petos para meter o pasaporte amais o permiso de estadía
Moncho marchou definitivamente de alí a pouco. Na oficina do desemprego aconsellábano vivamente en eses senso. Impórtase man de obra e expórtanse casos sociais. «Cando van van como rosas, cando ven…»
– Vostede estaría mellor xunto dos seus, na sua Terra.. (tamén os nosos fillos estaban ben lonxe de nos cando viñemos, magoa que non llo dixeran antes de emigrar).
A partires de aí, os fillos, doídos porque non chegaban os xiros do sacrificio do pai, afeitos á pitanza que despreocupadamente recibían de Suíza, disque recomenzaron a maltratalo e desprezalo. Iso contoumo un día que me chamou para que lle mandara uns papeis necesarios alá.
– Ti debías ter sido meu fillo, ti sabes moi ben que eu, no fondo, apreciábate moito.
– ¡Xa o sei Fungueiriño xa o sei!
O dos fillos pode ser normal, anque non escusable, eles non o coñecían coma min. Era eu quen estaba decote con el, no mesmo suplicio, remando no mesmo galeón. ¿Como podían os fillos decatarse se nunca viron a barraca número catro?
Nunca saberei se mo dicía por pelota para que lle amañara os papeis a présa ou se verdadeiramente o sentía. O teléfono é tan distante e frío cando estás fora que xa non sentes o calor dos bos momentos nen a lembranza de aqueles engadellos para matar o tempo e aloumiñar a morriña.
Estou seguro que para Moncho é mellor que non exista a vida eterna. Será eternamente emigrado, porque é o prototipo do emigrante e non pode ser de outro xeito. O mellor favor que se lle pode facer é que volva a terra que o viu nacer para estercala e dar novos froitos de esperanza.

Inda nas longas noites de inverno, a medida que me achego ao momento fatídico da miña ida, cando os achaques non me permiten acurruncharme con Morféo, venme ó espírito a pantasma do Fungueiriño e venme a vontade de berrar: ¡eu tamén son Moncho, O Fungueiriño!

 

Laisser un commentaire

Votre adresse de messagerie ne sera pas publiée. Les champs obligatoires sont indiqués avec *

Ce site utilise Akismet pour réduire les indésirables. En savoir plus sur comment les données de vos commentaires sont utilisées.