O coitelo das lembranzas

32e7f8b60fcd55421256fb9fd7e90806A rutina, din que a rutina mata. Todo é cuestión de pareceres. Uns están sempre amargados coa rutina e outros acomódanse de ela e aínda lle sacan partido dado que a rutina da unha certa seguridade.

O aik-irindo

Uns poucos, coma min, tentan poñerlle un diapasón a rutina e aproveitala para evadirse nos momentos nos que se ten que estar en algún sitio aínda cando nos gustaría estar en outro.

Por poñer un caso, eu, esta mañá, espertei as cinco e, sen transición púxenme a difícil tarefa de tentar durmirme de novo, nada que facer, foi a hora de erguerme que Morféo, o moi cabrón, se apoderou do meu corpo e  púxome en stand by por un momento, a consecuencia de este despiste, clásica… meterse a buscar unha desculpa para o traballo mentres andaba a trompadas coa máquina do café que non furrulaba  precisamente en ese momento que tanta falla me facía un café e de xeito rápido.

Saín apurado, como é habitual, deime conta que  me esqueceran os anteollos despois de ter fechado a porta e o portelo da eira, dicir que non blasfemei en eses momentos non sería crible.

Para non correr coma un tolo no coche puxen a radio para escoitar os clásicos tertulianos que, con tanto aprome, nos fan tamañas teorías que non son mais que divagacións das cales ninguén se lembra unhas horas despois porque, se nos lembraramos, ¡ai, ai se nos lembráramos !.

Logo deixei o coche e estiven tentado de coller o tranvía pero resistín a tentación porque me veu a mioleira que o médico, o fodido médico, me dixo que tiña que andar, mínimo, media hora por día, exactamente os dous quilómetros e medio que hai do aparcamento de l’Étoile ao meu choio.

Xa que un ten o Iphone, Deus que o dou e nos que o temos ¿para que o queremos ?, enfiei os cascos nas orellas, puxen a música no aleatorio e bota a andar co paso firme e o peito erguido para que non se note moito eses pequenos achaques « sen importancia » que se ten a miña idade.

Chámame a atención sempre eses pequenos aconteceres sen mincalla de importancia que non deberían ter incidencia pero que a teñen mais do que queremos admitir. Unha palabra en una canción de Xil rios (Avoiño) e unha serie de impulsións eléctricas ponse a furrular no meu cerebro o cal empeza a reproducir imaxes da miña vida pasada tal un achádego en Google.

Así é como viñeron a min os carreiriños de entre o millo, as amoriñas da silveira que lle daba ao meu amor, os buxos que prantei… e tamén as herbiñas do camposanto onde se enterrou miña avoa.

Miña avoa

Miña avoa, era un persoeiro importante, mais importante que Lance Armstrong, que Neil Armstrong, que o Real Madrid e que os premios príncipe de Asturias, moito mais. ¡Era a Miúda do Carballal.

Tiña carácter explosivo, xenerosidade, abertura de espírito, estaba totalmente desprovista de boas maneiras burguesas, non era coqueta, nin vaidosa, nin cínica, nin falsa. Nadaba en un mar de bo humor e alegría de vivir mesmo se o berce, a liñaxe e o lugar de nacemento non a situaron en unha conxugación espazo-tempo moi favorable.

O nome de Miúda, víñalle de súa avoa que, como o seu nome indica, era, digamos, xeitosiña pero bonita e engaioladora, casou con un home cumprido que viña namorala dende a Abelenda, de noite polos carreiros estreitos do monte Castelo, alí onde hoxe vemos eses muíños de vento ¿ou son xigantes ?.

O avó de miña avoa (o home da Miuda), debía ser valente, ou a súa namorada  era ben interesante, porque o Castelo bretemoso e cheo de brañas non debía ser un « parcours vitae » precisamente a mediados do século XVIII onde as alimañas eran abundantes e, coma todo mundo na época, non andaban co bandullo moi cheo que digamos. O vir as mozas dúas ou tres noites na semana maxinamos que non era un cruceiro de pracer.

Nacer e vivir

Cando miña nai me pariu, no tallo do anllar, enriba de unhas pallas, con unha dor intensa debido a unha cabeza prominente que eu disque tiña, contáronme que miña avoa colleume nos brazos e non dixo nada de nada… outros aquí dirían que pronuncio unha frase para ficar na historia pero eu penso que iso son parodias, de cheo, no medio da esfolla do millo, miña avoa viúva, con dúas fillas solteiras na casa e unha que ven de parir, o todo adobado coa ditadura e a falla de perspectivas, o que dis é que hai que ter paciencia e que a can fraco nunca lle faltaron pulgas.

En ese momento, eu delegaba na miña avoa a miña obrigación de sobrevivir. Como miña nai non tiña leite que me chegara eu, que fun sempre un larpeiro, non paraba de chorar e foi a miña nai de leite (Hermosinda de Antón) que me dou de mamar unha tempada pero como Enrique (meu irmán de leite), que nacera no marzal, tampouco non era esquerdo en tirar do teto, non tivo mais remedio miña avoa que de irlle mercar unha cabra leiteira a Gabina de Santo Estevo de Malvarez.

A lercha da Gabina tentou de enganala meténdolle unha cabra vella que dodemo gota de leite botaba. Vaia gresca que armou miña avoa. A Gabina non tivo mais remedio que trocarlle a cabra por outra mais axeitada.

Perante os anos que seguiron, eu durmín coa miña avoa e, como non podía ser de outro xeito, mexei moitas veces por ela. A derradeira vez foi cando ela me dixo :
– Demo de galopín, preguiceiro, se me mexas outra vez vouno poñer na porta da igrexa.

Lembro que me contaba contos nas longas noites de inverno e me ensinaba pregarias particulares que non sei de onde raios as collía :
– Jesuscristo se perdió, su madre lo andaba buscando, de huerto en huerto… de… rosario… en… rosario…

Íase durmindo pouco a pouco e eu, que estaba interesado no tema, dáballe co cotobelo e ela sobresaltábase e retomaba a pregaria alí onde se lembraba :
– Alborito Dios te guarde, Dios te guarde Alborito….

Mocear na vellez

Lembro un día, Manuel do Marico que era o único viúvo varón do Carballal veu tentar de seducila contando que non había ninguén na casa, eu estaba no sobrado e observaba agochado por entre as regañas da madeira que meu pai puxera cando andaba convencendo en miña nai para facerme a min, el era aprendiz de carpinteiro.

Manuel que sentía a chamada da derradeira virilidade que lle ficaba, agarrouna polos cadrís e díxolle :
– ¡ai Doloriñas que ben axeitada es ! ¡déixame darche un biquiño muller, anda !
– ¡Marico, mala centella te parta ! ¿sei que toleaches ? ¡arrédate de min que che vou arrear coas cadeas da gramalleira !

É de recoñecer que Manuel do Marico non era un home que tivera un «sex-appeal» moi desenrolado.

En esa época había moitas mais viúvas que viuvos, deixo aos especialistas determinar o porqué, eu so constato, non vaia ser que tire conclusións que firan a sensibilidade das feministas, non está o forno para bolos.

O que si era un Gentleman era  Antón da Raposa, un verdadeiro picaflor, cortexaba a Garabexa, a Ferrina, Delaira… un día teremos que contar a vida de este home que era un verdadeiro Casanova.

Cando viña a orde de Franco de vacinar as vacas todo mundo ía cara a Agra da Balsa coas vacas a corda. Un grupo de homes, os mais atrevidos, axudaban ao veterinario para tremar do gando mais aguerrido.

En unha de esas vacinas colectivas, miña avoa viña toda lixeira, remangada e o veterinario ao vela vir tan disposta, a modo de brincadeira, díxolle aos homes :
– ¡A ver ! termade da madriña que tamén a vou vacinar, mentres lle sacaba o aire a xiringa que tiña na man.

Miña avoa, en troques de se abaixar e se avergoñar, avanzou decidida cara el, remangou a saia e espetoulle :
– Pincha, carallo pincha que de homes mais gallardos que ti xa levei amais non me mataron.

Lembranzas únicas

Era con grande interese que eu ía recobrar os fíos dos canivetes das bombas de palenque que eran ben axeitados para coser os zocos, miña avoa era unha especialista en esa arte, con unha subela feita da ballena de un paraugas furaba o coiro do zoco e con pez feito da resina dos pinos cosía os zocos que duraban unha eternidade.

Cando na milleira iamos gradar os zocos enchíanse de terra e miña avoa escalaba todas as noites coa punta do fouciño. En certa ocasión, coa intención de aforrarlle traballo, eu pillei unha tópea e metinlla nos zocos, é verdade que o resultado foi positivo, a tópea fixo un traballo extraordinario pero despois miña avoa non quería poñer os zocos porque lle daba asco.

Na primeira vez que eu saín da península, fun traballar un verán a Bruxelas no hotel Duc de Brabant facendo camas, no restaurante do hotel facían ancas de rá. Cando volvín fun para o rio da Braña e apañei cantas ras puiden, prepareinas a conciencia e tentei facerllas comer a miña familia, ela non comeu bocado aquel día e dixo :
– esa tixola e ese prato poñédeo a un lado para o rapás.

Lembro que a primeira televisión que veu para a miña casa tróuxena eu de Bruxelas precisamente. Ela, que tiña que poñerse moi preto porque a vista xa lle cansara, achegábase a veira e seguía todos os programas de noite sen resollar.

En unha de esas series americanas, non lembro cal, a actriz viuse namorando con un actor e pouco despois xa se viu con unha certa barriguiña, como a ela éralle difícil concibir que o tempo pasara tan rápido, chegoulle os puños cerrados a pantalla e díxolle :
– ¡Raios te partan ! ¡xa ías preñada, carallo, que ven te apertabas lercha !

Un de ese momentos emotivos dos cales te sentes o cabaleiro gardián de unha distinguida dama foi cando a acompañei a facer uns análises a Santiago. Como o coche de liña non saía até as sete da tarde, leveina por Santiago adiante para que vira mundo. Ela marabillábase de cada cousa que vía, tanta cousa extraordinaria que ela non sabía para que era, tantas luces por todas partes… Para entrar en unhas escaleiras mecánicas tiven case que collela no colo.

Nunca esquecerei cando víñamos no coche de liña e atopamos alí con Fina do Labrador e puxéronse a conversar as dúas :
– …
– E logo o neto levoute ver moitas cousas ¿non si Dolores ?
– Levou, ¡Diolopague !
– Ben se nota que ti lle queres moito

E difícil para min de poñerlle palabras para explicar eses momentos tan cheos de ledicia. Ela mirou para min, os seus ollos humedecéronse e, repoñéndose de contado, fregou as enrugas da súa cariña coa manga da chambra e, coma se a cacharan con unha debilidade, virouse para Fina :
– ¡E non vou querer muller ! ¡E o meu anxo do ceo !

Dada a intensidade coa que estas palabras foron pronunciadas, todos os que estaban arredor ollaron para ela, baixaron a vista e un silencio pesado apoderouse do bus perante uns minutos… nunca me sentín tan cheo de felicidade. Cando algo sae do fondo das entrañas nótase ben.

Un día que había romaría en Vilamaior, no descanso, uns amigos amais eu viñemos tomar algo a casa no descanso e ela, que estaba fiando a carón da lareira observou que unha das rapazas do grupo levaba unha saia moi cortiña, veulle apalpar unha perna e díxolle :
– ¡Ai criaturiña ! ¡non ves que vas coller friaxe ! ¡Polo amor de deus ! se queres préstoche eu unhas medias.

A rapaza aínda non me fala hoxe.

Non hai vida sen morte

No outono de 1977, rematado a miña viaxe estival en Suíza, regresei facendo escala en Barcelona, na casa de miña madriña, cando cheguei a Barcelona, tiña unha nota na porta :
– Pídelle as chaves a veciña que che vai explicar

A veciña explicoume que lle dera un ataque a miña avoa e miña madriña tiña marchado na noite para Galiza.

Mentres o lento tren que nos leva pola ancha Castela cara a nosa terra me levaba ao seu leito lembrei que nunca lle tiña dito canto lle quería.

Tantas veces eu chorei, ela apertoume no seu peito, cantoume cantigas do cuco e do paspallás, aplicoume trapos quentes cando tiven feridas, aloumiñoume cando tiña unha tristeza, fíxome freixós, papas de millo, rixas con mincallas de broa… e eu non fun capaz de dicirlle un día que a quería.

E por tanto cando cheguei xa estaba no cadaleito, cos olliños pechados, foi a primeira vez que a morte se achegaba tanto a min, fun para detrás do palleiro e chorei como nunca chorara, tiven a impresión que en algún sitio ela me estaba escoitando e díxenlle mil veces que a quería.

Sendo un home pragmático eu sei que ela non me escoitaba, estaba morta… É ben, iso dóeme aínda agora… Non sei se aprendín algo ou non pero a verdade é que ignoramos o presente por un futuro que de contado é pasado.

Laisser un commentaire

Votre adresse de messagerie ne sera pas publiée. Les champs obligatoires sont indiqués avec *

Ce site utilise Akismet pour réduire les indésirables. En savoir plus sur comment les données de vos commentaires sont utilisées.