Terra Brava

manLabregaLelo, montado no seu cabalo, soñaba con brincar silveiras, cabalgar a toda presa pola devesa esquivando os carballos, sair polo portelo da Agra de Riba coma unha centella e volver cara o Agro Vello do Ribeirán pola estreita corredoira que vai dar ao monte de Negreira.

A tortura de Choco

Estaba un pouco inquedo porque dende facía dous días, Choco, o seu can, non acudía aos seus asubíos e pensaba:
– Déixamo ver, semellante putañeiro, dende que a Cadela de Técola anda quente que non lle vexo a lá, cando veña todo derrancado heille de quentar as orellas.

Cando chegou a Chousa da Xunqueira, baixou do cabalo e botoulle as cabezadas polo pescozo para que fose rozar no gomo dos toxos.

Volveuse subitamente ao parecerlle escoitar detrás de el coma o choro de unha nena. Era Choco que estaba envolto en sangue, ao cal lle cortaran salvaxemente o ser membro viril.

Sen se inquedar de se lixar co sangue do animal, Lelo agarrouno no colo e, entre espanto e cólera, empezou a preguntarlle quen fora o desalmado que lle fixera aquelo sen tomar conciencia que era un can e non podía dar resposta as súas procuras.

De xeonllos no arró, Lelo fixo sangrar os beizos de rabia e impotencia mentres o coitado do Choco daba o derradeiro suspiro.

Camiño da escola.

Como era o mais vello de 8 irmáns de unha familia en uns bens de arrendo, en plena vitoria da paz franquista, a escola non era a prioridade dos aldeáns na súa situación, polo tanto o mestre de Vilamaior estaba disposto, mediante pago de un ferrado de millo, de dar escola nas noites de inverno aos mozos dispostos a limar as carencias da escola tradicional na que non se aprendera gran cousa.

luzCarburoLelo, provisto de unha Luz de Carburo, un anoitecer orballoso, ía cara a escola xunto con Pedro do Cubeleiro. Na corredoira enlamada, preto do muiño dos Abelares, sentiron trotar un cabalo que viña do lado de Pereira, arredaron o que puideron facendo oscilar a luz para dar acto da presencia ao cabaleiro e non arriscar de ser atropelados.

Ao chegar a súa altura, decatáronse que se trataba de José de Técola de Negreira que ía mocear, e déronlle as boas noites
– ¡Xoooo Roán! 
Díxolle o Técola ao Cabalo con un certo aire de superioridade.
– Non mates estes parrulos que aínda os imos pagar por bos.

Lelo, achegándose ao cabalo díxolle:
– ¿E logo ti non te decataches que nos somos dous homes e vos so sodes dous cabalos… mellor dito… un burro enriba de un arricol? 
E continuou procurando:
– ¿Quen foi o que lle cortou a pirola ao noso can aló en Negreira?

Sentíndose forte dende o alto do seu cabalo e, ofendido polas duras palabras de Lelo, non puido resistir a tentación de afirmar:
– Pois fun eu e, se fora preciso, tamén cho corto a ti.

Cabalo furiosoEn esas que Lelo achegoulle a luz de carburo ao fociño do faco que se encabritou sorprendido guindando co seu cabaleiro na lama.

Os de Recarei aproveitaron para darlle uns lapotes, embadornalo ben na lama e, entre gargalladas, mentres el tentaba de aloumiñar a Roán para poder volver a trote para Negreira, dicían:
– Velaquí un que hoxe vai faltarlle a palabra á moza.

Ruada de Sangue

Uns días despois, no pallote do Labrador, fíxose unha fía e a conseguinte ruada na cal as pandereteiras de Pereira demostraban o seu talento cos cantares de usanza:
– Por ese que entrou no baile / por ese que entrou agora / por ese que entrou no baile / tocarei a noite toda.
– Teño de ver o meu liño / que me dá pola cintura / non sei se é liño, se é herba / bagalla non ten ningunha./ Ai, la la, ai la la…
– Moza bonita no mundo / non debera de nacer / porque fai como a mazá / todos a queren comer.

Lelo foi dando a volta para achegarse a Chelo da Americana e tentar de atraela cara o escuriño como o corpo llo pide instintivamente a todo mozo normalmente constituído.

Estando cada cal maxinando as súas estratexias para adornar a noite, Lelo, en un reflexo condicionado, intuíu que unha man armada de unha navalla da barba lle viña dereita a gorxa e, no último instante, conseguiu arredarse non podendo evitar que lle dera un corte profundo na cara. Diante de todo mundo, sen mediar palabra, José de Técola fuxiu como un lóstrego coa navalla sanguenta.

Despois de que os presentes lle lavaran a cara, sen dicir nada a familia, Lelo arreou o faco e foi para o médico Arufe de Santa Comba, cando este solicitou o relato dos feitos para anunciar o caso as autoridades como a lei llelo ordenaba, Lelo dixo:
– Escorreguei ao afeitarme.
– ¡Ah! En Recarei afeitádesvos á media noite, a luz do candil. ¡Por iso escorredes! ¡Xa, xa entendo!

O médico entendeu ben que a situación do mozo non estaba como para facerlle un preito a ninguén e puxo no parte: Ferida accidental.

O tempo, que todo cura, tamén curou a ferida de Lelo, a ferida do corpo que a da alma ficou ben aberta como a cicatriz en plena cara que daba fe dos feitos.

Perante un ano, Lelo, as agochadas, ía axexalo de noite arredor da casa esperando a ocasión de vingarse pero nin unha soa vez o reparou entrando nin saíndo. É de supoñer que intuía o que pasaba.

Tarde ou cedo, as feridas abren.

019 legonUn ano despois da navallada, o dia da Virxe dos desamparados, despois de cavar tres ferrados de roza no castelo para botar trigo a ganancia, como era costume, Lelo, aproveitando os derradeiros raios da tarde, preparouse para ir a romaría, puxo o espello na soleira da fiestra, bateu o xabón para facer a escuma de afeitar e, despois de untar a cara, empezou a cortar a barba do lado da cicatriz.

En ese preciso instante, quixo o destino que varias imaxes intolerables se ofreceran aos seus ollos, de unha parte, a súa cara marcada e a navalla no espello e, polo camiño de diante do curral, José de Técola pasaba a cabalo e cantando:
– Soy el más cabrón del mundo / la gente también lo dice / ando con la cola arrastro / no hay macho que me la pise.

Esta visión ía mais aló do que un home ferido no seu amor propio podía soportar, non polo sufrimento físico que xa pasara, senón polo sentimento de impunidade e a provocación que supoñía que o Técola se paseara todo ergueito no cabalo por diante da súa xanela ¡e cantando!.

Botou porta fora, agarrou unha legoña que estaba pendurada no alpendre e, coma un lóstrego, saíulle ao atallo polo portelo da horta, plantóuselle diante na corredoira da agra de Baixo.

Súa nai, que o viu saír coa metade da cara untada e a outra afeitada, con tanta presa, preguntou:
– ¿A onde vas así Leliño?
– Esquecinme de tornar a auga no Prado. Respondeu por dicir algo e sen parar.

A muller non tivo tempo de evitar mais que o legoñazo de gracia que ía recibir, moi seguramente, o Técola se ela non lle collera a legoña das mans a Lelo, o que lle salvou certamente a vida, xa cuberto de sangue e cos miolos ao aire deitado no chan.
– Non, meu filliño, non o mates por Deus que vai ser a nosa ruína.

Lelo botou a legoña para a silveira e, co sangue frío que procura o verse en circunstancias incertas e, moi posiblemente, temendo ter que pagar polo feito, rematou de se afeitar mentres os veciños de Recarei socorrían o Técola e o levaban ao médico, marchou para os desamparados de Bazar coma se a vida continuara.

Unhas horas despois, en plena festa e coa xente facendo coros para participar na propagación dos rumores que, como lume na pólvora, corrían por todo, dous números da garda civil aproximáronse a el coas palabras usuais en tales circunstancias.
– ¿Chámase vostede Manuel Gómez Cancela?
– Así me chaman, si señor.
– Fica vostede arrestado por tentativa de morte na persoa de José Torreira, ten que acompañarnos.

Un dos gardas tiña a legoña na man chea de sangue, doulla a el e fixérono atravesar toda a romaría abrindo camiño entre a xente, esposárono, atárono ao rabo de un dos facos e levárono para o cuartel de Santa Comba.

O peso da lei.

Perante o suízo, o avogado de Lelo tentou de facer valer a circunstancia atenuante de que o agredido o tiña anavallado pero, como pasara un ano, o xuíz non tivo conta e, como lle pasa a miúdo aos pobres, Lelo foi condenado a vinte meses de cadea.

Se eran tempos duros para todo habitante da Galiza, mais duros aínda eran para os presos.

Pero, do feito que os cárceres estaban cheos de presos políticos, os presos por delitos comúns considerábanse afortunados por saber das torturas acotío, das miserias que os verdugos do réxime facían pasar aos pobres «roxos».

Dende o comezo da guerra civil, os homes mais valentes e valiosos foron encadeados, fuxiron paro exilio ou, nos mais dos casos, foron eliminados coma moscas, diseminados os cadáveres polas cunetas das estradas.

asencrobas_12Mesmo agora hai moitas opinións de que a España do século XX hipotecou por mais de 100 anos o seu progreso social, económico e científico debido a saña conque o réxime criminal franquista tratou o seu propio pobo, foi tal o medo que se lle meteu no corpo aos sobreviventes que están dispostos, incluso hoxe, a esquecer calquera atrocidade cometida polo réxime até o límite de negar ese cataclismo.

Dicía Lelo moitas veces:
– Se o que nos fixo Franco nolo fai un país estranxeiro, considerariamos que era un xenocidio.

En esas condicións, o que era unha desgracia, parecíalle a Lelo unha sorte se se comparaba con o sufrimento alleo que el observou.

Anque non era moi dado a contar as mais duras vivencias do seu período carcerario, ante a miña curiosidade, tenme feito algunhas confidencias.

Contoume como, perante o tempo que estivo encadeado, os falanxistas ataviados coas súas gabardinas de coiro e os correaxes lustrados coma se foran para unha grande cerimonia, entraban nos penais todas as noites, armados con bandas de roda de bicicletas cheas de auga para mallar nos comunistas que previamente eran atados polos gardas.

Houbo mesmo gardas que fixeron fortuna cobrando por deixar mallar nos presos políticos, que non se queixaban nin ían a enfermaría despois das malleiras co simple obxectivo de evitar ración dobre porque, de todos xeitos, o simple feito de acusar un garda era considerado como un delito.

Co paso do tempo, como non estaba castigado por política e que, a falta de homes para traballar por dous patacos nas empresas dos falanxistas que acapararon todo o mercado espoliado á sombra do réxime, Lelo gozaba de un estatuto de «media pensión»: ía traballar fora por unha miseria e durmía todas as noites no penal.

Un pequeno accidente, que lle impediu de ir traballar un tempo, permitiulle que o nomearan como carteiro ao interior do cárcere, era o encargado de levar o correo da porta aos outros reclusos pasando polo control, e pola censura, evidentemente.

Dado que era home de carácter razoable e serio, gañou a confianza de moitos presos que lle pedían pequenos servizos para que lles pasara correos e notas para as familias sen pasar polos «controles» e até ten corrido riscos pasando pequenas lambiscadas que eran sistematicamente requisadas polos gardas se pasaban polos canais habituais.

Un habitual da cárcere era Barreiro ladrón que lle colleu estima e, como era bo «cliente» e coñecedor do penitenciario, doulle moi bos consellos e ensinoulle a defenderse en ese medio.

A marxe da tiranía.

GuerrillerosO franquismo non era capaz de se desfacer dos guerrilleiros que abundaban nos montes galegos berrando «nin cautivos, nin desarmados» e que, a pesar da guerra sucia, das torturas as familias, da intensa actividade da garda civil e do exercito á bota do tirano, contaban con un apoio sólido de unha parte da poboación.

Por ese motivo, un día foi convocado no despacho do gobernador militar da Coruña para facerlle unha oferta: a saída libre de cargas se se presentaba voluntario para facer parte de un comando anti-comunista para captar e represaliar polas aldeas os paisanos sospeitosos de axudar aos foucellas ou se se apuntaba para ir combater os bolxeviques coa División Azul ao servizo do nazismo.

Na mesma entrevista, déronlle a entender que tiña interese en aceptar para demostrar o seu patriotismo e a súa entrega a nobre causa do Nacional Socialismo.

Arriscando o seu porvir, Lelo, home pouco propenso a meterse en lerias pero firme e cabal cando se trataba de tomar decisións importantes, ollou para os ollos do gobernador e, sen apartar a vista, coa cabeza erguida, así lle falou:
– Con todo o respecto que lle debo, señor, son capaz de matar un home coas miñas mans se vira a miña familia ou a miña persoa en perigo, pero nunca me gustou ir cazar coellos porque me dan pena e non penso, por tanto, que sexa un bo cazador de homes.

O Gobernador respondeu:
– Intúo pola túa aptitude que es un home valente e, de ese xeito, aínda me doe mais que non aceptes a miña proposición. Farei coma que esta entrevista non tivo nunca lugar.

Debida pagada.

enfermement1Cando saíu da cadea, con a súa condena cumprida, despois dos descontos por boa conduta, Lelo tiña un bo capital de amigos entre os presos políticos e estes fixérono saber aos guerrilleiros.

Hai rumores que din que en moitas ocasións os Foucellas apelaron a el como relé, cousa que cando alguén lle preguntaba, por razóns obvias, Lelo respondía sistematicamente:
– ¡Kaaaa! ¡Non se pode!

O amigo José de Técola viviu moito tempo con un óso cranial de prata e vidro. Cando sacaba a chapela na misa, observábanse palpitar os miolos. Parecía non sufrir moito aparte que estaba un pouco angustiado cando había tormenta co medo que o partira un raio atraído pola prata.

Une réflexion sur « Terra Brava »

  1. Carallo amigo meo, teño ecoitado esa historia,pero non sabia que cha contara teu tío, un gran amigo meu. El era o arbitro que no a xuventude da zona tíñamos cando xugabamos o futbol, na nosa época que formaramos u equipo (LOS CUATRO VIENTOS), non sei si te acordas. Un saudo

Laisser un commentaire

Votre adresse de messagerie ne sera pas publiée. Les champs obligatoires sont indiqués avec *

Ce site utilise Akismet pour réduire les indésirables. En savoir plus sur comment les données de vos commentaires sont utilisées.