Historias de xénero

Criada1¡Tristes de las mozas
a quin trujo el Cielo
por casas ajenas
a servir a dueños,
que, entre mil, no salen
cuatro apenas buenos,
que los más son torpes
y de antojos feos!
(Miguel de Cervantes)

17/07/2008

Un cego vendía billetes de lotería na ponte de Lisboa e repetía incesantemente: – ¡hai días con sorte!

Nisto que veu un refacho que lle guindou o chapeu para o río e, proferindo un xuramento instintivo, exclamou: –¡Tamén hai días coma o carallo!!

A semana pasada cheguei ao traballo, digo ben cheguei porque ás veces costa traballo chegar, e uns matóns paráronme na rúa fronte a entrada para pedirme a papelada.

–¿Que pasa con tanto rebumbio?, díxenlle eu ao fillo do corpo vendo a barafunda que estaba montada na entrada do pazo de xustiza, situada na fronte da fiestra do meu escritorio.  Xornalistas agresivos (paparazzis), gardalombos coma moles, avogados e demais xente do cotarro…

O policía poñendo cara de papaleisón respondeume cun clásico: –¡Non é da sua incumbencia, circule, ande, circule!

Como queira que albisquei un avogado coñecido no mundo dos rexoubes pregunteille e acendeume o candil.

Pois tratábase, nada menos, que do fillo e da nora de « Mouammar Kadhafi, » Motassim Bilal Kadhafi, que se fai chamar « Hannibal » e a súa muller, Aline, encinta de nove meses, que viñeron a Xenebra para que ela parira. Parece que non se ten confianza nas clínicas do paraíso que o Coronel rexenta. Ou secadra é por vicio, como cartos hainos, non se van privar.
MozaGaiolaPois foron postos a disposición xudicial e inculpados por lesións corporais simples, ameazas e coaccións cos seus criados, dous matóns da garda persoal foron tamén acusados de oposición aos actos da autoridade por se teren interposto cando a intervención policial.

Logo de pagaren unha fianza de 500.000 francos (uns 400.000 €) foron postos en liberdade e deixaron o país coma unha centella. No caso de que o apercibido lector non se decatara, os 500.000 francos do Hannibal « ao cambio » é coma para min 40 pesos dos antigos.

O caso é que o malcriado fillo do dirixente libio (se en vez de recibir un Porsche cando lle saíu o primeiro dente lle deran unha patada alí onde se lle dan as patadas aos malcriados, outro galo cantaría) estivo dúas noites alí onde estamos de vez en cando os que nos metemos en xergas moito mais liviáns, pero máis nobres, que estas da que falamos. ¡Celebreino abofé!

Como tamén hai días coma o carallo, tiven que recibir unha muller cun cancro que despois de tela despedido o mequetrefe do seu patrón foi abandonada polo seu marido cando o seu lindo cabelo empezou a perecer.  Despois son eu o dexenerado que de vez en cando perdo a noción do espazo e o tempo mirando para esas rapaciñas que sentan a rentes de min no bus. Pois para que se enteren as feministas, eu serei capaz de facer o que podo, se me deixan, detrás das silveiras, pero non abandono os meus no desamparo por moito que sexa legal e « convenable » (tiña que dicilo así coma quen non quere a cousa)

Na noite seguinte durmín menos, e mais mal, que un pisco. A historia da coitada da obreira que non tivo nin mingalla de sorte na vida non me saía da testa e acordeime de un acontecemento que ocorreu hai uns anos e marcou cun seixo branco o percorrer da miña miserenta vida.

Eu así volo conto como estes ollos, que van comer os bechocos, o viron.

A Clandestina

Un día alá polo correr de marzo 2006 desfrutei coma un cosaco xunto a 18 mil compañeiros da construción que enchían a «Bundesplatz» de Berna.

É preciso caer no pote do elixir, coma Obelix de pequeno, para sentir toda a vida esa emoción que se sinte na loita.  A subida do tren en Xenebra, as bandeiras o vento, as cabezas multicolores e multiculturais cubertas de gorras dos diferentes sindicatos que, unificados berran cunha soia voz polas fiestras de doce vagóns carregados a tope de xente disposta a combatir.  Alí estaban os mais valentes, kurdos, kosovares, chilenos, srilankeses, italianos, portugueses, galegos, leoneses, andaluces,… Todos marchaban en desorden pero cerrando filas, contra o abuso pero a favor da solidariedade. Para rematar coa miña compostura e deixar que miles de compañeiros me viran os ollos mollados, parece que o fixeron adrede, unha banda de gaitas abría a marcha dende a estación do tren ate o mesmo Pazo Federal.

Os discursos en alemán, italiano e francés, coa emoción e a forza que semella perderse hox en día facían tremer o ar e, dun xeito automático, erguín o puño cerrado e, pechando os ollos, soñaba que observaba dende as alturas ese formigueiro de homes e mulleres, éramos os donos do mundo ¡ai de aquel que nos viñera tocar o nabo naquel intre!

Despois da manifa, aínda tíñamos dúas horas para regresar a estación do tren e, en grupos de catro ou cinco, distribuímonos polos bares de Berna para coñecer mundo e degustar unhas «Biers». Ouvíanse cánticos, mais ou menos patrióticos, mais ou menos revolucionarios, mais ou menos obscenos. As xentes do lugar, a quen lle víñamos perturbar a «Pax Helveticae», mirábannos de xeitos diversos, ollando as fachas que facían adiviñabas dúas expresións: «Probes coitadiños» ou «banda de salvaxes», pero a nós non nos importaba, era o noso día e había que celebralo, o luns tíñamos que ir traballar.

O García, o Noia, o Pardo e mais eu, procuramos un canto xeitoso e tranquilo, eu tiña que tirar de móbil e chamar a radio galega de Xenebra para dar conta do trunfo da demostración de forzas impresionante, das reivindicacións e do estado das negociacións. Sentámonos e pedimos un «doner kebab» cada un.
FemmeDangerNade mais sentarme decateime que na mesa do lado, mesmo fronte a min, había unha muller morena, cabelos cumpridos, cara redondiña, ollos grandes e castaños, falaba alemán con acento do Algarve e atendía ás protestas reiteradas de dous nenos que semellaban querer mercar un brinquete exposto na cristaleira do almacén veciño. O home que estaba á súa beira, tiña pinta de ser o seu marido. Era alto e loiro, ollos verdes e cabelo atado en rabo de faco.

Empecei a escaravellar nos recobecos labirínticos dos meus miolos.
– ¿De que a coñezo eu?
Cando ela lle dou un xiro á cabeza botando os cabelos para tras e deixando ver un grao de beleza que tiña xusto detrás da orella esquerda, tanto o xesto coma o lunar fixeron que a luz viñera de súpeto ó meu espírito e recoñecina.
-¡ É Lurdes!.

Escapóuseme o pensamento en alta voz e García, que viu o brillo na miña ollada, espetoume.
-¡Xa che gustaría, eh! Ten coidado como a sigas alucando, o maromo vaiche rarear os dentes, ¡Non lle chegas a media merenda! ¿Non vés que peito ten?.

Aos meus compañeiros tamén lle dicía algo aquel rostro que chamaba a atención pola expresión que intrigaba refreando unha mestura de carácter que agocha unha grande tenrura detrás dunha grande crueldade e desprezo. Eu sabía que era un reflexo de autodefensa. Fun a única testemuña dun feito que a debeu marcar enormemente. En todo caso, a min marcoume e, cando me lembro, faime pensar que o pasado é historia e o presente a súa consecuencia.

Chegada dos temporeiros

Alá polos primeiros dos anos oitenta, cando os temporeiros chegaban por milleiros da Galiza, rapaces novos, cheos de brío e forza, xeralmente, sós, confrontados á soedade e a aprendizaxe da ruda vida do lonxe (da terra, da familia, dos dereitos de cidadán e da súa propia mocidade), despois da xornada laboral e nos fins de semana confluían a moreas cara detrás da estación (a zona chamada «des bistrots espagnols»), alí vivíanse todas as pasións, discutíase do Real e do Barça, elaborábanse estratexias de ligue, engolíanse grandes cantidades de etílico e, de cando en vez, participábase nunha liorta para calmar os ardores. Non era estrano ver escenas coma aquelas dos filmes dos pioneiros do Oeste

Un destes bares era levado por un galego dos que chegaron antes ca os outros, os que nos trouxeron a nós. Algún, non eran todos, aproveitaban ben da necesidade que o emigrante ten do cacho de Patria, vendían contratos de traballo e billetes de avión a prezos desorbitantes, aloxábase coitados en condicións infrahumanas, participábase no mercado da «Main d’œvre inmigrée» como consta aínda hoxe na lei de estranxeiría suíza, traíanse folklóricos-as que sempre cantaban as mesmas cantigas (viva España, soy minero, adiós mi España querida, Madrecita María del Carmen, …), o que xa non se oía nas salas de festa na Nosa Terra víñannos facer pagar caras as entradas nas salas suízas. Da cultura e da defensa dos nosos dereitos colectivos non querían saber nada. Iso traía problemas e non cartos. Os máis espabilados de entre nós saíron polo mundo arriba (ou polo mundo abaixo) para facer fortuna, non para facer de «Madre Teresa» É a vida!

Pois nun de eses bares, ía dicindo que fun a única testemuña do feito que agora vou relatar:

Un día pedín permiso para ir arranxar unhas dilixencias ao control dos habitantes. Como me mandaron volver en dúas horas xa non fun para a obra ate a tarde e metinme no bar Charabiscas (nome ficticio, que non vaia a ser que me denuncien) por matar o tempo e tomar un cacharro.

Cando entrei non había ninguén á vista e coidei que a camareira (a Lurdes de marras nos seus 18 anos) estaría no escusado. Sentei, collín o xornal «La Suisse» (hoxe desaparecido) e instaleime poñendo a cara mais intelectual e digna que podía, se non fose polos calos das mans até se podería maxinar que o era.

Logo de esperar un anaquiño, constatando que non me viñan atender, achegueime a porta que daba ao patio de atrás por se acaso lle pasara algo a Lurdes que ía a miúdo arranxar as botellas no sótano por unhas escadas moi apromadas e pouco xeitosas.

Nisto que sentín uns xemidos raros abaixo e, botándolle a man instintivamente a un pau de ferro que atopei nun canto, baixei con moito tino. Cheirábame que algo pasaba.
femme-au-couteauAínda non tiña baixado o derradeiro paso da escada, saíu Lourdes coma un foguete que case me leva por diante. Doume escasamente tempo de ver que levaba a roupa toda estragada e tiña un lampeirón de sangue na chambra de traballo. Liscou coma unha chispa escada para riba, non a volvín a ver até anos despois no día da antedita manifestación en Berna.

Intuíndo o que intúe calquera, fun cara o fondo do sótano, avanzando paseniñamente para non encancar nos obstáculos mentres os meus ollos non se adaptaban á tenue luz do lugar cando me decatei que aló nun currucho estaba o patrón deitado nunha poza de sangue. Tiña dúas coiteladas nunha perna e no bandullo. O coitelo de cociña aínda estaba ao seu carón.

Sen pensalo dúas veces boteille a man, e comprobando que aínda bulía, axudeino a repoñerse, díxenlle que ía chamar a ambulancia e a policía e el nun esforzo repentino, berroume mal que puido:
-Non, a policía non, colle as chaves do meu coche de detrás da cafeteira, valo coller ao aparcamento de correos e traelo para a parte de atrás, fechas a entrada e vesme coller para axudarme a subir, procura que ninguén te vexa se é posible.

Non sei aínda porque lle fixen caso pero subín con intención de facer o que dito me tiña cando entra no bar Lino de Tordoia, o repartidor da cervexa. Conteille o que pasara e entre os dous metemos ao coitado no auto e arramblamos con el para unha clínica privada onde el coñecía o porteiro que o introduciu cun médico español que non facía moitas preguntas.

O taberneiro repúxose das súas feridas e apareceu uns días despois cunha man na estribeira e coxeando pero de contado reenganchou no negocio.

Nunca se soubo máis do asunto e, oficialmente, caeu polas escadas el soiño.

Eu deixei de ir por alí e ouvín dicir a algúns en comentarios dispersos e pouco convincentes que o Charabiscas (nome ficticio, xa o dixen pero non está demais repetilo por se acaso) xa formalizara moito e non lle metía man as criadas.
feminismeEu esta historia non lla contei mais que a miña muller pero como ela me dixo que algúns, o que nos había que cortar era o nabo por ver es acougabamos, pois calei e santas pascuas.

Mira que se se lle dá agora as mulleres asoballadas por zorregar coitelo, estámosche aviados os que andamos pola vida de machistas.

Ah! e calquera parecido das miñas historias coa realidade, é pura casualidade. Só son froito do meu maxín. Mais que nada porque non pasa unha, ¡pasan milleiros!! e despois calquera sabe se estamos na realidade ou no virtual. Ás veces un ten pesadelos raros, mágoa que estea desperto.

 

Laisser un commentaire

Votre adresse de messagerie ne sera pas publiée. Les champs obligatoires sont indiqués avec *

Ce site utilise Akismet pour réduire les indésirables. En savoir plus sur comment les données de vos commentaires sont utilisées.