Polo mundo abaixo

AMORENELTRONCOTe digo adiós y, acaso, te quiero todavía,
no puedo olvidarte, pero te digo adiós.
No sé si me quisiste, no sé si te quería,
o tal vez nos quisimos, demasiado, los dos.

Ese cariño nuestro apasionado y loco,
me lo metí en el alma, para quererte a ti.
No sé si te amé mucho, no sé si te amé poco,
pero sé que nunca volveré a amar así.

Te digo adiós y, acaso, con esta despedida
mis mejores sueños mueren dentro de mí.
Pero te digo adiós, para toda la vida
aunque toda la vida siga pensando en ti.

«José Ángel Buesa»

I – Tentando enganar o futuro

Che Maria pasoulle con dozura unha poliña de carrasca polo pescozo a Xusta.
– ¡Estate quedo oh! díxolle ela, ¿non ves que me fas cóxegas ?

El non respondeu, ollaba obstinadamente para o carballo do valado, coma alguén que garda un segredo terrible e ten medo a ser descuberto.

Xustiña baixou a testa e unha bagoa transparente caeu no interior da súa coxa deixando un risco que el viu de contado.
– ¡Ei, miña xoia ! ¿Séique choras ?
– ¡Non ! ¡É o vento que me raña nos ollos !

Che María volveu a ollar para a pola eivada, onde tantas veces instalara a corda para xogar ó xirindengue. Tería vontade de volver a facelo pero a vergoña, se alguén pasaba e o vise, impedíallo. Un sorriso de maldade atravesou a súa mente.
– Vou buscar unha corda e ímonos zarandear a Xustiña amais eu, pensou.

Ergueuse e botou a camiñar coa zamarra a medio espir e os zocos a medio amalloar, sempre foi un fargallón.
– ¿A onde raios vas? ¿seique toleaches ? Berrou a moza.
– Ti non te movas, que eu logo veño.

Xa coa corda ben amarrada, enriba do valado
– Ti non teñas medo, agárrate ben o adival que eu non te deixo caer
– ¡Ai, Cheiño ! Se meu pai nos olla, vaia tunda que vou apañar.
– ¡Veña muller ! Vas ver que alto imos, ti pecha os ollos e déixame puxar a min.

A emoción de Xusta, as risas esaxeradas, entre o medo e a ledicia, ao sentir o seu amado contra as súas costas, a velocidade do vai e ven cada vez mais largo facían pensar que no mundo so existían eles, era un deses momentos ao que un se agarra e quere morrer para continuar na mesma posición no paraíso.

Dun xeito traizoeiro coa presión enérxica dos dous corpos, o garabullo estalou e Che María non pensou mais que en caer por baixo para que Xusta non se magoara.

A dor de costas era insoportable pero, vendo a postura na que aterrou, non se atreveu a queixarse, non fora ser que a Xustiña bulise.
– ¿Magoácheste?
– Non, descoida.
– ¿Queres que me arrede de riba de ti?

Non fixo falla falar, a man de Che María xa penetrara no xustillo e comenzaba a localizar as amarrallas. A rapaza non estarrecía o feito e mesmo se remoeu para facilitar a manobra.

II – O segredo compartido

5200666-amanecer-en-el-bosque-de-roble-el-sol-es-shiniig-a-traves-de-los-arbolesO solpor comenzaba e a sombra do vello carballo repartíase por toda a cortiña. Co remoer da lixeira brisa as follas facían bailar os raios de sol semellando unha manchea de luceiros que Che María quería rexistrar na sua cachola, anque o estaban cegando, non arredaba os ollos de aquelas luciñas brincadeiras.
– ¿E verdade que marchas antes da festa?
– ¿Quen che dixo tal cousa? Reaccionou el, erguendo medio corpo de súpeto e poñendo cara de enfadado, xa falou o carallán de meu irmán
– A ti non che importa quen mo dixo, o que eu penso e que ti non me queres e vasme deixar soa. ¡Que vergoña! O día de Nosa Señora, todas paseando co seu mozo e eu viúva os 16 anos.
– Non digas parvadas, ti sabes ben que che quero moito pero aquí non podemos chegar a nada, nos somos nove irmáns e un en camiño, en uns bens de arrendo, túa irman xa esta casada na casa e eu non me quero casar coa filla do Pexegueiro, para poderme casar contigo teño que ir buscar fortuna fora.
– Prométeme que non me vas esquecer, meu amor, eu esperarei anque sexan mil anos, terei un fillo teu que me fará esperar, non me importa o dicir da xente, eu non terei outro home na miña vida. Espera polo menos até despois da festa.
– Non son eu que marco a pasaxe, vida miña, que mais quixera eu que darche o paseo de honor na romaría pero as cousas non son como eu quero, o barco sae de aquí a quince días e o escribán do concello avisoume que se non me presentaba no embarque, meu pai perdería os cartos da pasaxe. Ti xa verás, dende que atope vida aló en Cuba, heiche de reclamar, casamos por poderes e voute ter coma unha raíña.
– De aquí en adiante, meu Cheiño, heiche de deixar a fiestra aberta, ti subes polo loureiro dende que todos vaian na cama, heiche deixar o candil aceso, será o noso sinal, ven durmir comigo, quero que cheires a min para que no me enganes aló na América.
– ¡Miña xoia! ¡canto te ei de estrañar!

III – Despedidas

SachandoO tío Torreira estaba apañando nas patacas de cedo, cando viu chegar os dous irmáns, sen que eles tiveran tempo de dicir parola, espetou a legoña no caneiro e deixouse caer de xeonllos, ergueu as mans xuntas ollando cara o ceo e berrou :
-Meus filliños, que a bendición de Deus vos cubra, eu perdidiños xa vos vexo.

A tía Ánxela saloucaba sen poder dicir ren, achegouse os dous rapaces e colleunos coma se fose atar un monllo de trigo.
– Ven, Laurindiña dálle uns biquiños a teus curmáns que van embarcar.
– ¡Calade, oh! Mesmo parece que nos van a enterrar, dixo Lelo, que anque era mais sensible e estaba menos ilusionado ca Che María sabia finxir.
– Leliño, Deus me perdoe, cando se enterra un fillo vaise chorar diante da cova anque sexa a todas horas, cando marcha para América, nen sequera se pode chorar preto del.
– Nos imos volver, xa o verá.
– Que Nosa Señora te oia, meu filliño, ei de ir de xeonllos a Nosa Señora e botarlle unha misa para que volvades ricos e cheos de saúde.

IV – Ruada do adeus

romaria_senhor_serra_f5No pallal do Cobeleiro, que era o mais espazoso do lugar, fixeron unha ruada organizada polas mozas pra despedir os que marchaban para América.

Alí chegaron dous do Médico de Pereira que marchaban para o outro día, un de Malvarez e dous de Vilamaior que embarcaban o primeiro domingo de setembro para o Brasil, os de Vilamaior emigraban mais para o Brasil, os de Malvarez repartíanse entre Venezuela e Cuba, en Recarei e Pereira varios irmáns atopábanse entre Arxentina e Cuba.

Tamén viñeron varios de Tordoia e dous de Bazar, tres ou catro de Boimente e a parte de Freixeiro representábana un bo feixe.

Como diría o noso poeta, Manuel María « os mais decididos e valentes »

O Miguelo viuse cativo para servir a cantidade de netos de ribeiro das convidadas que todos querían pagar aquel día.
-Bota viño taberneiro, temos que enganar os nosos corazóns hoxe.
-Bebe Codeso, e non teimes, os teus fillos son fortes e listos coma allos, verás como veñen axiña, e podres de cartos.

V – O risco do desespero

ventana-a-los-amantes-de-la-nocheChe María sentiu como os mornos raios de sol entraban pola fiestra e queimábanlle  na cara, rascouse e, de súpeto, abriu os ollos, pegou un brinco e xurou.
– … vaia, doume o día e eu aínda aquí.

Mentres enfiaba os calzóns, ollou para a Xustiña, coa súa cariña sobor do traveseiro de lan, estaba tan boniteira, co seu cabelo espallado e enmarañado, con unha cara de santiña. Inclinouse docemente e doulle un biquiño. Cando botaba a perna pola fiestra, volveuse coma se se acordara de mirar pola derradeira vez algo escrito no seu subconsciente : o traveseiro tiña unha mancha marela, eran as bagoas secas da Xusta. O dar o brinco da pola mais baixa do loureiro, un lóstrego atravesouno de riba a baixo cando sentiu unha pesada man no seu ombreiro, dou a volta coma un foguete, en posición de defensa de eventualidades pouco agradables, a súa faciana ficou xeada, cos ollos redondos coma se vira a Santa Compaña e pensou :
– ¡Raios, o que faltaba, o Pombo! (pai de Xusta).

Non tivo tempo de maxinar unha estratexia, caeulle semellante lapote, foi, caio non caio, parar contra unha maceira con tal impacto que fixo caer media ducia de mazáns. Aínda se endereitou para tentar un diálogo pero, vendo que o Pombo se dirixía cara el con intencións bélicas, decidiu unha retirada táctica polo método urxente, se fose de noite, tendo en conta a presa que levaba, veríanse as chispas dos zocos contra as pedras da corredoira.

Cando se estimou fora do alcance da cólera do Pombo, sentouse no valado da Agra de Baixo, enxugou a abondosa suor da testa coa manga da camisa e dixo.
– Se me apaña estrágame para a vida, iMalo raio o fenda!

 VI – O sermón

MisaO domingo foi a misa da despedida dos emigrantes de Nosa Señora de Vilamaior pagada, como é de lei, polas familias dos coitadiños, un ferrado de trigo por emigrante, (daquela non se dicía « Busines is busines »).

Todos os da parroquia estaban alí, vestidos coa roupa que mercaran para a viaxe, tiñan que cumprir coa tradición da procesión, cada catro mozos tiñan que levar a Santiña o lombo unha volta arredor do adro.

Don Xosé votou un discurso que tremía o misterio :
– Pecadores, vedes os estragos que facedes por culpa dos vosos pecados, estes mozos, froitos das entrañas destas desgraciadas que chorarán longamente as ausencias, serán desterrados coma o foron os nosos primeiros pais do Edén …
– Vos pobres coitadiños que ides vagar por estes mundos de Deus, non esquezades de pedir clemencia polos vosos pecados …
– Non sexades soberbios, dade gracias pola grande misericordia do Criador e cando vos sintades desesperados non decaiades, lembrade que o mesmo Xesús foi conducido o deserto para ser tentado polo maligno, pensade que a emigración e unha proba que Deus vos impón, seredes tentados moitas veces a facer o mal, se resistides e continuades o camiño da obediencia, da humildade e da oración poderedes, coma Xesús, compartir o pan dos xustos a dereita de Deus Todopoderoso …
– Despois de todo, pensade, que, en parte, foi gracias o diñeiro de algunhas almas piadosas que fixeron fortuna fora que esta igrexa foi construída, admirade estes homes anónimos que vos ofreceron este templo onde agora podedes vir axeonllarvos ante a Virxe e pedirlle ventura na larga viaxe que ides emprender …
– ..  » que a bendición do Noso Pai se estenda sobre as vosas cabezas et a vontade divina se cumpra por maior gloria de Deus.
– Amen!

VII – Cambio de réxime.

republicaO Martiño era o único da aldea que sabía ler, aprendera na guerra de África onde chegou a cabo, estaba sentado na pía da auga diante do cabazo con un periódico de facía tres meses na man. Che María sentouse a sombra do freixo e escoitaba os comentarios do tollido que mesturaba sempre a historia do cacho de metralla que recibira na súa perna tesa a loitar contra do moro infiel e a actualidade política.
– Agora que vai vir a república, os mozos marchan.
– ¿Que e iso da república?
– Que burros que sodes carallo, mentres que Galiza non se encha de escolas non se vos pode meter nada nos miolos. A república e un sistema de goberno que quere dicir « dúas veces pública », ¿comprendes? ¡Re-pública !.
– Escoita o que di o xornal « O Rei, don Alfonso, temeroso do incerto resultado do referendo mandou os seus emisarios percorrer o mundo, no mais estrito segredo, para asegurar un hipotético exilio seguro onde estabelecer a casa real … » « … pasado mañá pronunciará un discurso no que e mais ca probable que se despida da patria … ».
– Logo ¿o rei tamén ten que coller o barco? O mellor ven no mesmo ca min.

Botáronse a rir.

VIII – A morte que ronda

VellinaAldeaOs anos que tiña Xoana do Catuxo non o sabia ninguén, diante da casa do Codeso armouse un debate pasional:
– E mais vella que Manuel do Roxo.
– Home, o irmán de Xoana e da mesma quinta ca el.
– O escribán que veu facer o censo para o referendo dicía que no libro do crego xa non se lía a data do seu bautizo de vella que era, tiveron que poñer « idade descoñecida ».

De súpeto, oíronse as campaíñas da comitiva sacramental que bordeaba os castaños da horta da Pallegueira.
– Arredádevos do camiño, dixo o Luciano da Lusca.

Sacaron o chapeu e esperaron quedos, ca testa baixa mentres Pepe Novo (o sancristán) pasaba tirando do ramal da burra que camiñaba abaneando para tentear o peso portentoso do señor abade, detrás marchaban con cara de aburridos os dous rapaces coas caixiñas das cinzas. Don Xosé fixo un xesto bendicindo coa man, aproveitando para escorrentar as moscas. Eles porsináronse.

Dende que pasaron, a xente ía saíndo das cortes e deixaba os labores para engordar a procesión cara a casa da Xoana.

Che María estaba tristeiro, mentres Don Xosé facía que confesaba a Xoana, porque entender non se lle entendía nada a pobriña, el pensaba :
– Que manía dos abades co « Ego te absolvo », ¿Que lle vai absolver?  ¡É a nai de todos! ¿Que pecados podía ter a coitada?

Lembrábase do día que estaba coa Xusta no arró do Agro Sucado, a Xoana estaba recollendo herbiñas na silveira e, como xa non vía moito, foi encancar nos corpos alleos a toda influencia exterior que non fose a súa paixón, pero recoñecer recoñeceunos.
– Raios que tombos deixou o Pombo no arró, e moi traballador pero tan mal xeitoso.

Arredou deles e continuou a recoller as herbiñas un pouco mais lonxe cantando para disimular:
– Marica foi o muíño / ca foleca na cabeza / escorréronlle as chanquiñas / e caeu co cu na presa.

Nunca nada se soubo, todo gardaba para ela, o seu finado deixouna facía 40 anos e sempre lle gardou o loito, decote cuberta de negro, parecía unha alma en pena. Daquela os homes morrían de contado, os traballos e a necesidade daba cabo deles nun apes.

Blandina molláballe os beizos con un pano branco e despois de saír unha bagoa daqueles ollos secos pero extremadamente expresivos, xa llos tiveron que pechar, abriu a boca para berrar o seu silencio que a atenazara perante boa parte da súa existencia, ela viu marchar tanta xente nova, viu tantos cadaleitos pasar polo seu curral, para aló ían a través do lombo de unha besta ou a cabeza das mulleres e para acó viñan o lombo de seis homes. Nos derradeiros días non paraba de repartir perras aos mozos.
– Toma meu filliño, para que me traiades unha boa caixa e me levedes ao adro.

Morreu como vivira, botándolle unha ollada o mundo que todo quería dicir sen emitir parola.

No velorio amañáronse dous casamentos e vendéronse dous bois. A Felisa non paraba cas súas letanías en latín e a xente repetía dun xeito automático mentres se arrimaban a lareira :
-Ora pro nobis.

IX – A vida que loita por saír

VelloMuinoA saída do enterro, os mozos foron para a taberna da Ferrina,  Lelo pediulle 30 reas a seu pai para pagar o último neto aos compañeiros.

Che María estaba contrariado, dende que o Pombo o tiña de ollo non puidera ver a Xusta, armouse de valor e atreveuse a fuxir da taberna, presentouse na porta da Xusta. Petou na porta e saíulle Lela.
– Boas noites, tía Lela, ¿está a rapaza?.
– Está pero non sei se poderá atenderte porque está unha miga indisposta.
– Por Deus lle-lo pido, déixeme falar con ela, aquí no solleiro non lle vou facer mal. Xa sabe que me vou mañá e teño de darlle a despedida.

Vendo a desesperación do namorado, Lela achegouse a el e díxolle mainiño na orella:
– Vaite para cas do Catuxo, Xusta amais eu imos cara onda Blandina e alí podes estar con ela, pero so un pouquiñoo, ¡eh!.
– Perda coidado.
– ¡Vaite de aí rapaz, aquí non tes nada a que vir ! Berrou ela para asegurarse que o Pombo a sentira e bateu o postigo da porta con xenio.

A xusta amais súa nai ían polo medio do camiño co fachuzo de pallas na man mentres as charamuscas saian lixeiras e irregulares acompañando a doce brisa de agosto.

Cando entraban pola porta oíron o chis-chis que Xusta recoñecera entre milleiros, volveu para tras coma un lóstrego e desapareceu na escuridade, a súa nai non lle dou tempo de avisala que se o chegaba a saber seu pai desgraciabas as dúas.

Acurruncháronse nun cantiño do pallote entre o malladeiro do millo e o picadeiro dos toxos da besta, enriba dun monllo de palla.

Faltáballes tempo para desfacerse dos atavíos innecesarios pola quentura ambiental e a callentura da alma.

Acudiron a chamada da nai natureza, ela pousou os beizos na súa boca e el bebeu a auga salgada que escorregaba dende as perlas que Xusta tiña por ollos.

Ningún deles sabia de Marco Antonio e Cleopatra nin de Romeu e Xulieta nin de Napoleón e Xosefina nin de Calisto e Melibéa, ¡Nin falla lles facía !, eles facían de cada caricia unha historia completa, xuráronse eterno amor, beberon nas fontes do pracer, embriagáronse libando mutuamente cada currucho dos seus corpos que cheiraban a macho e femia, salvaxes, sen argolas nos pes.

Cando a temperatura dos seus corpos descendeu a graos mais mornos debido quizais o fresco orballo que molla sen mollar no mes de agosto, chamoulles a atención un grande resplandor e os berros dos veciños.
– ¡Acudide todos! ¡Arde o palleiro da Furoca!

Cando chegaron alí xa ninguén botaba auga, a palla estaba dabondo seca para que o lume fora imparable.
– ¡Ai, meu Deus! As charamuscas do fachuzo da miña nai. Dixo a Xusta.

Ninguén soubo xamais quen lle prendera lume o palleiro da Furoca, algúns desconfiaron do seu xenro por non arrendarlle a Roza dos Pinos para sementar uns graos de trigo.

 X – Volver a vista atrás

medio-ambiente-3Era aínda de noite e os galos mais preto das regañas entre os casqueiros que facían de parede ao galiñeiro comenzaban a responder aos primeiros albores que se albiscaban por detrás do Monte Longo soprando na súa afrautada gorxa.

Lelo axudaba seu pai amais o Xaquín a poñerlle os arreos a besta no curral.

Ninguén falaba, o ambiente estaba cheo de silencio, un silencio de ferro, mesmo os paxariños respectaban a cerimonia, os años comezaban a reclamar as primeiras tetadas da mañán e os cochos bulaban no esterco en busca de humidade, eran os únicos seres alleos a traxedia que se desenrolaba no ir e vir lixeiro e nervioso.

Lena, súa nai, facía soar a violenta saída de bormos no revés do mandil, cos ollos vermellos de ter vertido bagoas toda a noite.

Xaquín xa era dabondo grande para comprender o que pasaba arredor e estaba angustiado dende o fondo das entrañas, Lelo era o seu irmán maior e tiña consciencia que aqueles momentos serian os últimos que ía pasar preto del en moito tempo, non saia do seu carón e insistía por axudarlle en todos os preparativos.
– ¿Vas volver de contado?

Lelo torceu a cara para o outro lado para que o rapaciño non vise a súa cara e adiviñase o impacto que esta pregunta fai sempre. De súpeto, o corazón encóllese, a gorxa sécase, e as pernas desfalecen, todo emigrante ten dificultades para responder as preguntas dos cativos que os adultos non se atreven a facer.

Lelo botou un xeonllo a terra e colleuno no seu regazo, apreixouno nunha inmensa aperta, sentouno no xeonllo dobrado e peiteoulle o cabelo cos seus dedos.
– Escoita Xaquiño ¿Sabes quen eo irmán mais vello?
– Es ti.
– Pois agora que Che Maria amais eu marchamos, tes que axudar ti un pouco mais, tes que ir chamar as vacas a gradar sen protestar. Se te comportas como e debido heiche traer un peso de prata coma o que ten o Pexegueiro e un chapeu de palla branca coma o do Americano de Pereira.
– Eu non quero nada, cando sea grande coma ti heite de ir buscar a Cuba.

Lelo fixo un sorriso, doulle unha lapada careira nunha nágueda, bateuno enriba do feixe de herba seca que súa nai estaba arrincando do palleiro e pensou como até os nenos coñecían o seu destino, era mais probable a marcha de Xaquín que a volta de Lelo.

Os primeiros raios de sol filtrábanse timidamente por entre as tellas do cortello e Che María mirou para o currucho do casqueiro, era alí onde se agochaba cando seu pai lle berraba de pequeno. Naquel intre dáballe importancia as cousas que outrora eran insignificantes, lembroulle a pedra chan (onde se fai o fillado de amoras), a bagoada que fixo a vaca Loura rañando o pescozo na viga que trema das escaleiras, a ferruxe acumulada nas pedras da corte onde se pousa sempre o candil cando se acomoda o gando, o chrin-chrin da roldana cando se saca a auga do pozo, a cama do Petís debaixo do malladeiro, as covas dos coellos debaixo do cabazo, acordouse até a tea de araña que sempre estivo enriba do seu leito, até esa minúscula araña o deixaba melancólico, cando foi coller os aprechos de entre a biga e o faiado acordouse que a tiña que matar pero non o fixo, perdooulle a vida.

O Codeso non falou parola, despois de aprechar a besta cargou as maletas de madeira que fixera o tio Celestino e amarrounas na albarda. Lena foille pedir emprestada unha broa a Mixirica e meteuna nunha saqueta de lá con un anaco de pernil, gostaría tanto darlles un pouco de raxo pero tiveron que vendelo todo para mercar o sal de salgar o touciño, os que viñeron da América todos dixeron que nos barcos daban moi mal de comer. Pobriños, canta fame van pasar por eses mundos -pensaba ela- tratando de non recoñecer que era da fame que eles fuxían.

Pouco a pouco chegaron os veciños para darlles a despedida e seguiron en comitiva ate a Portela da Misa, alí Lena sacou o pano da cabeza e collinos entre os seus brazos, non foi capaz de gardar mais a súa compostura e rompeu a chorar.
– ¡Adeus prendas do meu corazón! ¡Que Nosa Señora vos cubra co seu manto!, ¡Eu morrerei de tristura e os meus ollos pecharanse sen vos ver! ¡Ai meu Cheiño! iAi meu Leliño ! ¡Deus! ¿para que espetas este coitelo nas miñas entrañas ? ¿por que as nais parimos fillos pro mundo?

Felisa botoulle as mans os brazos.
– Veña Lena que aínda vas perder o neno que levas na barriga, ven pra casa muller, canto mais lonxe vas mais sofres.

Mentres o Codeso subía pola costa do Ribeirán coa besta polo ramal, as ras cantaban a súa insistente melodía nas Brañas do Castelo e o raposo berrou na Devesa do Pombo. o pasar por diante da casa do Miguelo, escoitaron os berros do parizo de Erundina.
-¡Vállame Deus ! ¡Facer fillos! ¿Pra que?

XI – A liberdade fai mal

velhinho1O Pombo non foi a despedida, escollía nas patacas, as mais grandes para o caldo, as medianas para a semente, e o refugallo para os animais, a tensión arterial subía minuto a minuto e mirou para o machado espetado no cepo de fender os rachóns; uns instintos asasinos pasaron brevemente polo seu sentido mentres escoitaba os saloucos de Xusta pechada no seu cuarto coa porta trancada.
– Papaiño deixeime saír, por Deus lle-lo pido, despois pódesme pechar pra toda a vida.

No fondo era un home sensible, pasou as mans pola cara e ergueuse do tallo coa intención de ir desatrancar o cuarto pero volveu a sentarse e bateulle unha pataca as galiñas que lle ciscaban a nabiña de toxo que a muller viña de estender enriba de unha manta na eira.
– E mellor para ela que non vaia.

De repente, a Xusta pasou a man polo ventre e botou un sorriso de vinganza, entre triste e malicioso, xa nunca mais volto a dar sinais exteriores de chorar pero a partir de aquelas o seu corazón comenzou o endurecemento propio dunha viúva.

No alto da Chainza, Che María apoiou o pe nun penedo para amalloar un zoco e deuse conta do bonito que era a súa aldea, a esa hora da mañán cos tellados vermellos da luz mainiña do sol. Da cheminea da Xusta viu saír un fume negro que viña cara el.

XII – A revolución dos transportes

CarroCavalosNa parada de Rial, o chofer do carro de mulas tiña cara de poucos amigos aquel día, sentira rumores que o seu servizo sería de alí a pouco suprimido, un deses autocarros mecánicos íao substituír na liña Carballo-Santiago.
– ¿Parécevos que as miñas mulas van amodo?, ¡Xa veredes cando veña o Guillén coas súas máquinas infernais!.
– Éche o progreso Rodolfo, éche o progreso.
– Cala home, cala, están arruinando o pais, agora xa non se lle ten respecto nin ao rei, até queren república e todo. Tanta liberdade non trae cousa boa, mira na Francia disque agora todos os que traballen van ter dereito a tres semanas de festa pagadas por ano. Nunca tal se viu, ¿Quen vai traballar?
– Que traballen os ricos que tamén fan os cartos.
– ¡Arre mulas! Eu vou ir pro retiro obrigatorio e vos pro matadoiro, van facer graxa para os zocos de vos.

O Codeso mercou un litro de caña na taberna do Fogueteiro e botou un grolo, subiron as maletas, puxéronas a carón do chedeiro do carro e sentáronse enriba. Uns lategazos secos soaron na tiradeira e no xugo das mulas de atrás e resoaron nas eiras veciñas. Mentres comenzaban a saír da lama do curral o Codeso berroulle o Fogueteiro :
– Vótalle un pouco de millo a besta, dille os rapaces que non se acheguen a ela, e moi mansa pero cando non coñece … , secadra non veño até mañán.
-Perde coidado, vouna tratar coma o cavalo de Santiago. Boa viaxe rapaces, cando volvades vinde ver o Fogueteiro que sempre ten bo viño.

Despois continuou a berrar pero o troupelear dos cravos das rodas no morrillo da estrada non deixaba oír.

XIII – … Por un mundo que non vin…

PutaPara os mozos, Santiago era unha novidade, nunca tiñan posto os zocos. Aloulados quedaban co espectáculo que vían: Un home berraba, ¡limpia, limpia!, unha vella vendía escapularios moi xeitosos, con un cordón de seda, unha figuriña do Apóstolo e outra da Virxe do Sagrado Socorro. Lelo mercou un por dúas perras.
– ¿Pra que gastas os cartos nesas caralladas, Lelo?.
– ¿Non te acordas que lle prometemos a mamá que mercariamos un escapulario pra ter sorte na viaxe?
– Esas son manías das vellas, o crego cómelles os miolos con tantas sermonadas.

Un vello todo esfarrapado que escoitaba a conversa dende un tallo díxolles sen se ocupar se o escoitaban ou non :
-Aceitar de honrar as divindades dos antergos e un xesto social, non implica necesariamente a convicción persoal.

Un home de bigote, gabardina e sombreiro acercase a eles moi amigablemente:
– Polo que vexo vos ides pra América.
– Pois imos.
– ¿Embarcades mañán en Vigo?. Se tedes problemas, eu teño un amigo en Emigración. Aquí en Santiago tamén teño boas cuñas, se queredes unha pensión para descansar unhas horiñas …

Mentres que falaba aquel home, Lelo observábao con moita curiosidade, mans ben coidadas, roupa ben estricada, bigote perfilado, zapatos finos e brillantes, parecía o fillo do recadador de Negreira. Pero o fillo do recadador non se paraba a preocuparse polas súas necesidades como o facía aquel señorito.

Che María estableceu unha conversa co home que parecía coñecedor do mundo e estaban a falar do xeito de pasar unhas horas de soño con unha boa moza por unha módica suma cando o Codeso os interrompeu collendo a Che María por un brazo.
– Ímonos rapaces que levamos presa.

Mentres se afastaban continuaba a falar.
– ¿Non vos decataches de que era un charlatán e un estafador? Eses que teñen fachenda de señoritos, cando se mesturan cos labregos, so e para fodelos.

Ao pasar polo Pombal, viron en un portal unha señorita con moito postín, cos ollos cheos de tinta para agochar as marcas dos cachetes que lle arreaba o chulo, a amargura das noites de claro en claro e os días de escuro en escuro e a resaca das copas onde afogaba os recordos de unha vida prometedora da cal está tomando conciencia que nunca se realizará.

Un xeonllo ben rapadiño aparecía por entre a abertura feita adrede na saia de estampado. Os tres aldeanos continuaron andando pero a mirada non podía evitar de ficar estática na regaña do escote da bela moza. Che María volveu bruscamente a realidade cando se esnafrou contra un pipote de viño estacionado diante dunha taberna. Votou as mans o xeonllo dereito, que foi o mais afectado, e un xuramento espontáneo saíu dos seus beizos.

A moza ensinou levemente os brancos dentes con un sorriso cínico.
– ¡Paletos tiñosos!

Cuspiu para a rúa coma se quixera votar lonxe do seu corpo a súa orixe de aldeana. Seu pai era coma aqueles pailarocos e ela fuxira para a cidade para escapar do atraso, non se podía permitir o luxo de ter nostalxia dun pasado miserento. So choraba morriñenta despois de unha boa malleira do chulo a soas consigo mesma no seu cuarto.

XIV – Último aviso antes do barco

VigiAntesNos arrabaldes do porto de Vigo non se aturaba o sufoco dun calor intenso. Xente que camiñaba para todos os cantos, revendedores de pasaxes, portavoces de notarios que non paraban de facer testamentos, prostitutas que ofrecían un hipotético derradeiro desafogo os mariñeiros, mulleres que camiñaban coa testa afuciñada con un pano continuamente limpando os ollos … As tabernas estaban abarrotadas de homes que afogaban a sede e as penas nunha cunca de viño do pipote. Baules, sacos e alforxas entorpecían a circulación en todo Vigo.

Lelo, Che María e seu pai paráronse a descansar nun calquera dos calexóns en costa dende onde se pode malamente ver un dos dous transatlánticos que fondeaban na espera de engulir cento de seres humanos para levalos a fortuna ou a perdición.

Lelo sentía de mais en mais o peso do punto de «non retour» o calleiro non lle cabía no corpo e algo lle apertaba no peito.
– ¿Non te atopas ben, Lelo? -Preguntou o Codeso.
– ¡Nada, nada, é o sol que aperta!

Sentouse na maleta despois de limpar a carbonilla que, para mais inri, caia do fume negro procedente daqueles monstros.

Che María partiu un cacho de broa e botoulle un grolo o fol do viño, estendeullo a Lelo que, sen erguer os llos do chan, arredouno coa man, o Codeso botoulle instintivamente a gadoupa e arrimouno o fociño preto dun minuto, limpouno coa manga da camisa e mirou cara o mar.
– Agora tende sentidiño rapaces que o mundo non é coma Recarei, tratade de aforrar e lembrade que vosa nai quere ter as mais novas de vos posibles.
– Xa me ocupo eu -dixo Lelo- Tranquilice mama.
– ¿Que vos parece se imos indo cara o barco?. Secadra despois tráncanos o paso os que veñen despedir ¡miña nai, canta xente!.
Os diálogo era dificultoso, os sentimentos profundos non saian polos beizos, dende que algún dos tres homes estaban a punto de rebentar, sempre collía o relevo outro cambiando de conversa.
– Parece que imos ter bo tempo para a travesía.
– Ti tes sorte Che, co larpeiro que ti es vanche gostar estes trinta días sen facer nada.

DespedidaEmigranteAbríronse paso entre o cheiro a suor de milleiros de corpos que se amontoaban nas rúas que desbocaban no porto e chegaron o pe da escada que subía o Raiña Sabela, alí os mozos viron por primeira vez unha bagoa nos ollos de seu pai e tamén recibiron a primeira aperta.
– Non pasedes fame, meus nenos, e se vos chega a enfermidade, pensade que teredes sempre as portas abertas. Escribide.

Mentes que subía con moita teima, o barco parecíalle moi alto, Lelo virou para seu pai e díxolle.
-Enriba da última biga do cortello da besta teño gardadas unhas latas e unhas brochas para ferrar os zocos.

XV – A vida en cuberta

CartasO dia de Nosa Señora, no medio do Atlántico facía un calor do diaño, os mariñeiros facían limpeza en cuberta e habería uns cachos de carne na fabada por ser un día tan sinalado. Un de cada dous pasaxeiros lembrábanse con morriña da festa onde estaban nese momento seus pais e irmáns.

Armando Valcarce era o intelectual da manada, co seu bigote ben coidado, coa súa cachaba fina, disque seu pai arruinouse para pagarlle a carreira de crego, cando estaba para dicir a primeira misa colgou os hábitos e saíu do seminario facéndolle un corte de mangas, tan mal sentou na familia que tivo que marchar, de feito, mesmo que posuía unha sólida formación e unha viva intelixencia, estaba marcado para a vida e non atoparía un xeito de vivir en toda Galiza.

Armando estaba sentado na súa maleta ollando como xogaban as cartas catro mozos de Ribeira enriba das súas. Ninguén deixaba as maletas na cala onde durmían, podíanas roubar e, o mesmo tempo, so os ricos que viaxaban en primeira tiñan dereito a mesas e cadeiras.
– ¡Bota brisca, me cago en tal !
– ¡Me cago en cal !Se me saíras de cabalo eu podía salvar o meu tres!.

De súpeto, as nubes cubriron o ceo, o vento brincaba co Raíña Sabela coma se fora unha casca de nos, a proa erguíase, a popa afundíase e viceversa; estribor xogaba a peneira con babor, as cartas desapareceron das improvisadas mesas, os pipotes da auga doce, mal amarrados, chinraban por cuberta incontrolados.

Che María pensaba que ia morrer, acordouse da Xusta, ela estaría probablemente na festa, outros mozos achegaríanse a ela, pediríanlle o brazo para facer as bailas da saída da misa, tocaría a pandeireta e pola noite secadra iría dar unha volta pola devesa con outro home. Unha corda frouxa a deriva chamouno a realidade con un lostregado na cabeza. Todos estaban axeonllados e rezaban pedindo a Virxe de acó ou de acolá que os salvase, que calmase a furia do vento facendo promesas de todo tipo.
– Se me salvas heiche de levar un ferrado de millo, San Adrián, santiño milagreiro.

O cabo de unha hora todo se calmou, os mariñeiros comenzaron a arranxar o Cafarnaún que a tormenta deixara en cuberta e un frade barrigudo que ía para unha misión de Santo Domingo propuxo dende un púlpito de caixas de madeira unha pregaria para dar gracias por non ter tido a deplorar ningunha desgracia. Armando brincou a carón do frade chuzando co bastón no ar coma se fixese esgrima.
– Sodes uns covardes e uns miserables, eu non blasfemei antes, non supliquei perante e non agradezo nada agora.

XVI – O novo mundo

cuba04Un home ía repetindo monotonamente nomes de persoas. -Manuel Vértoa, Xaime Liñaza, Arturo Martiño …
– Presente, presente, presente …
– Pasen pola porta tres.

Algúns puxaban para achegarse o pregoeiro.
– A min espéranme fora.
– ¿Para onde vai vostede?
– Para Pinar del Rio
– Saia pola porta catro.

En cuestión de dúas horas todo se disipou no porto da Habana, Che María, Lelo e Armando atopáronse sos mentres o persoal varría con unhas xestas os restos dos cigarros. Un funcionario de aduanas cos dedos marelos de fumar e un bigotiño facha achegouse a eles con unha carpetiña na man.
– ¿Vos que facedes aínda aquí ?
– Non sabemos onde ir.
– ¿E logo vos pensades que todos os que viñan no voso barco sabían a onde ir?
– ¡Seredes pailáns!.
– Nos dixemos a verdade, señor.
– Pero a verdade non se pode dicir sempre ¡collóns !

O funcionario atopábase contrariado, por culpa de tres descarrilados tiña que facer toda a tramitación para repatrialos se non lle atopaba un patrón, o seguinte transatlántico saia para Galiza de alí a quince días.

Armando decatouse que todos tiñan interese en arrondear os cantos:
– Home, eu teño un curmán en Cienfuegos.

O funcionario non esperou mais e agarrouse a ocasión.
– Déame o nome dese curmán e saíde do porto, un consello de amigo, non vagabundeedes pola Habana, buscade traballo canto antes, vos non tedes pinta de turistas americanos e aquí os maleantes fainos andar a policía.

Nos primeiros momentos camiñaron sin rumbo pola Habana, tiñan fame e sede, as señoritas arredábanse deles e facían cara de noxo o ver aqueles homiños, coas maletas de madeira penduradas, coas unllas a metade negras, aqueles zocos co ruído das brochas a andar, aqueles calzóns de pana …
–  ¡Oi que horror !
–  ¡Cala prea !

Mentres comenzaban a súa andaina polo mundo desapiadado da emigración parolaban do futuro inmediato e urxente.
– Temos que comer algo, ¿entremos nesta taberna?
– ¿E con que pagamos?
– Primeiro pedimos de comer e despois xa veremos.

Lelo estaba contra pero non dixo nada, o fin e o cabo a fame e a sede podían mais, entraron no restaurante e ficaron no medio das mesas a mirar arredor.
– ¡Vaia, vaia! ¡Uns paisaniños! ¡Mira Cornelia! esta mesma pinta tiña eu cando cheguei a Cuba. Vese que estades cansos.
– Nos queriamos comer pero non temos unha perra.
– ¡Nada, nada ! vinde para a cociña e comede canto queirades, se queredes douvos comida e durmida mentres non atopades traballo e, en troques, axudádesme na cociña.

En aqueles momentos venderían a súa herdade par un prato de caldo que aínda non o valía.

XVII – O pasado peta nas portas da alma

CauchemarArmando deixouse caer na cama e abriu os brazos para ofrecer o mais posible de corpo a circulación da leve corrente de aire que ia da fiestra a porta.
– ¿Sabedes que o rei de España ten aquí unha casa a súa disposición dende fai séculos con criados que a teñen coma os chorros do ouro e nunca aquí veu?
– ¿Quen cho dixo?
– Coñecín unha moza no Paseo do Prado que traballa alí
– Segundo dicían hoxe no Centro Galego, o rei non virá mais, quédanlle poucas, disque xa proclamaron a república.
– O mellor pronto poderemos marchar para aló, parece que van ser os ricos e os cregos que ten que marchar.
– Ti soñas meu amigo, os ricos sempre se van saír adiante, os probes son demasiado estúpidos para gobernarse e, se algún enlistece, enseguida busca o xeito de vivir coma un rico ou un crego e esquecese dos seus de contado.
– Non sei como puidemos saír da nosa aldea, aquí traballamos coma negros so para comer.
-Como dicía Confucio : « Que se vaia por auga o pozo ou dar a volta o mundo, o mais duro e o primeiro paso»

Con estas e outras conversas pasou un ano sen saír da Habana en busca de traballo, cando chegaba un barco ían ao porto para ver se viña alguén coñecido e, un día, bateron con Indalecio do Médico que saía do porto, a alegría foi tanta que o convidaron a comer e durmir por unha noite no restaurante do Galego como lle chamaban onde eles traballaban.
– Vou para o lugar de Simpatía na provincia de Cienfuegos, reclamoume un cuñado da miña irmán.
– ¿Como quedaban as cousas por aló?.
– Pois coma sempre, morreu o Carballés e casouse a Xusta do Pombo.

A Che María caeulle o mundo enriba.
– ¿Quen dis que se casou?
– A Xusta, con Chucho do Zoqueiro, tan panxoliña que parecía e xa ía de oito meses, as malas linguas din que non e del.

Armando comprendeu de quen estaban a falar polo que Che María lle tiña contado, tanto el coma Lelo fixeron coma se non estiveran o corrente.
– ¿E logo de quen din que é?
– Iso non se sabe, ela non lle-lo dixo a ninguén pero polo que se ve, na casa do Zoqueiro están todos ledos co neno, Chucho lévao cara a taberna e xoga a partida con el no regazo.

Armando acendeu un charuto, doulle unha fonda calada mandando con forza o fume cara os pulmóns e dixo chiscándolle o ollo a Che María.
– Non te preocupes dos empurróns, porque até eles te botan pra diante.

….. Continuará…

Laisser un commentaire

Votre adresse de messagerie ne sera pas publiée. Les champs obligatoires sont indiqués avec *

Ce site utilise Akismet pour réduire les indésirables. En savoir plus sur comment les données de vos commentaires sont utilisées.